Martes, 14 Xuño 2011 02:00

Economía e Industria apoia a promoción internacional do porto de Ferrol para captar novos tráficos

O convenio formalizado entre o Instituto Galego de Promoción Económica e a Autoridade Portuaria facilitará tamén a promoción das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal como territorio idóneo para acoller investimentos estranxeiros. Durante este ano haberá unha vintena de accións promocionais en lugares como China, Corea, Xapón, México, Miami, Casablanca, Hamburgo, Amsterdam ou Sao Paulo entre outros. O Igape achegará o 50% do financiamento das actividades previstas neste marco de colaboración.

porto ferrol3Ferrol, 14 de xuño de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria e presidente do Igape, Javier Guerra, anunciou que "avanzar na promoción internacional do porto exterior de Ferrol para contribuír á captación de novos tráficos e grandes operadoras navieiras" é o obxectivo do convenio que asinou hoxe co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Ángel M. del Real Abella.

Esta iniciativa enmárcase dentro das actuacións impulsadas ao amparo do Plan Ferrol para a dinamización económica das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que coordina a Consellería de Economía e Industria a través do Igape e onde o sector loxístico destaca como unha das actividades a desenvolver na zona, pola súa importancia para dinamizar a internacionalización do tecido produtivo das comarcas e para a captación de novos investimentos empresariais.

ImageNo marco deste plan promocional para 2011, o Igape achegará o 50% do financiamento das actividades previstas. Entre as accións para este ano, inclúense actividades promocionais en destinos internacionais como Singapur, Hong-Kong, Miami, Brasil, Alemaña, Holanda, Corea, Xapón, India, México ou Marrocos.

En total, incluíndo, as xornadas técnicas internacionais, prevese o desenvolvemento de máis dunha vintena de actividades orientadas á promoción exterior do sector loxístico ferrolán en xeral e, en concreto, do porto exterior de Ferrol.

Neste sentido, o conselleiro de Economía e Industria lembrou que, durante os dous últimos anos, desenvolvéronse ao abeiro deste convenio de colaboración máis dunha trintena de eventos promocionais internacionais que permitiron establecer interesantes relacións económicas orientadas á dinamización da actividade comercial do porto ferrolán e á captación de investimentos para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Por outra banda, Guerra sinalou que este exercicio considérase fundamental para o lanzamento definitivo do Porto Exterior de Ferrol, pola culminación e posta en servizo da segunda fase desta infraestrutura e a recente adxudicación da terminal de colectores.

O obxectivo é lograr que se estableza unha gran terminal de colectores de nivel internacional no Porto Exterior de Ferrol, o que será un fito de gran trascendencia que contribuirá de xeito fundamental ao crecemento da actividade económica e a xeración de emprego en Ferrol e as súas comarcas, e no resto de Galicia.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios