Luns, 02 Decembro 2019 12:34

A Xunta destaca o impulso das exportacións en setembro cun volume de vendas acumulado de máis de 16.000 M€

O director do Igape, Juan Cividanes, informou dos resultados do comercio exterior galego nos primeiros nove meses do ano, nos que o superávit comercial superou os 1400 millóns de euros. O pasado mes de setembro as empresas galegas venderon ao exterior un 9,1% máis que no mesmo mes do ano anterior. Pon de manifesto o esforzo das pemes por mellorar a súa presenza nos mercados non europeos e lembra as axudas activadas polo Goberno galego para impulsar a diversificación de destinos.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, informou hoxe en Santiago de Compostela dos resultados das exportacións das empresas galegas nos primeiros nove meses do ano e destacou o incremento das vendas ao exterior no mes de setembro, cun 9,1% máis de vendas que no mesmo mes de 2018 e crecendo máis que a media estatal –que se sitúa no 5,8%-, así como o esforzo das pemes para mellorar a súa proxección nos mercados non europeos.

Así, como reflicten os datos do período xaneiro-setembro do presente ano, as vendas a China rexistraron unha suba do 29,2% con respecto ao mesmo período de 2018, mentres que as exportacións a Estados Unidos rexistraron un ascenso do 8,2% e ao continente africano incrementáronse un 5,6%. O volume total de vendas ao exterior acadou os 16.058,4 millóns de euros, a segunda mellor cifra para este período dos últimos anos e o número de empresas exportadoras superou de novo as 6000 e chega as 6011.

Deste xeito, Galicia é a sexta comunidade en volume de exportacións, por detrás de Cataluña, Andalucía, Valencia, Madrid e País Vasco. Cividanes subliñou o relevante peso que teñen as vendas ao exterior galegas no conxunto do Estado, xa que as exportacións da Comunidade suman o 7,4 % do total nacional. Apuntou tamén que ata o pasado mes de setembro o superávit comercial de Galicia alcanzou os 1.426,5 millóns de euros, mentres que a nivel estatal o saldo entre as exportacións e as importacións foi negativo. De continuar esta tendencia, en 2019 o total das vendas no exterior roldaría os 21.000 millóns de euros, cifra que se acadou por vez primeira en 2017.

Sobre as vendas por sectores, o director do Igape resaltou os incrementos que experimentaron o dos aparellos mecánicos e o material eléctrico, que medraron en conxunto un 11,9%, e as industrias química e agroalimentaria, con 6,2% e 4,5% de ascenso respectivamente.

Cividanes lembrou que as liñas de axudas á internacionalización que desenvolve o Igape buscan seguir impulsando a diversificación das vendas ao exterior das pemes galegas. Cun volume de axudas que acada os 13,37 millóns de euros -o que supón un incremento de 4,15 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións- a Consellería de Economía, Emprego e Industria reforzou as actuais convocatorias dos programas Galicia Exporta e Foexga, que están a promover máis de 1500 accións no exterior en máis de 100 países e nas que participan máis de 1300 pemes galegas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios