Medellín (Colombia), 27 de novembro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia, a través do Igape, a misión comercial que levan a cabo estes días en Colombia as empresas galegas Vertifil Industrial, Eurolaton, Grupo Aluman e Moonoff, co obxectivo de potenciar alianzas estratéxicas que contribúan a incrementar a competitividade e a proxección exterior do sector contract no país latinoamericano.
As compañías que forman parte da delegación, apoiada polo programa Foexga desenvolto polo Igape, están a ter reunións con gabinetes de arquitectura, compañías dos sectores da construción e hoteleiras e a Axencia de Cooperación e Inversión de Medellín para atopar novas vías de investimento e avanzar acordos comerciais de cooperación, ao tempo que se incrementa a presenza mundial da industria galega especializada no equipamento integral de edificios colectivos.
Así, con máis de 9000 proxectos realizados en 800 cidades de todo o mundo, o 70% deste sector está internacionalizado e conta con máis dun cento de empresas que desenvolven a súa actividade en máis de cen países, facturando algunhas delas o 95% da súa produción fóra de Galicia. Latinoamérica é unha das rexións de maior implantación.
A misión ten tamén como obxectivo reforzar as exportacións globais galegas a Colombia, país ao que o pasado ano venderon 638 empresas da nosa Comunidade. Nos nove primeiros meses deste ano as vendas a este destino superaron os 36 millóns de euros, cifra que se prevé que se incremente a finais de ano ata acadar os 50 millóns de euros do volume total de exportacións de 2018.
A delegación comercial continúa o traballo desenvolto na novena Semana Internacional Contract impulsada polo Igape, que tivo lugar o pasado mes de outubro en Santiago de Compostela, e na que pemes galegas e portuguesas mantiveron encontros de traballo con prescritores procedentes de Estados Unidos, Santo Domingo, Colombia, Perú e Holanda, entre outros países, para afondar nas oportunidades de negocio que ofrecen os mercados internacionais e dar a coñecer os proxectos que desenvolven.
Co mesmo fin de apoiar a mellora da presenza exterior das pemes galegas, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 13,37 millóns de euros a través dos programas Foexga e Galicia Exporta, o que supón un incremento de 4,15 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións, para apoiar a preto de 1000 empresas nas seus esforzos de proxección e consolidación internacional.