Martes, 26 Novembro 2019 12:32

A Xunta destaca o aumento do índice de emprendemento e o pulo das mulleres na creación de novas empresas

O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta mañá na presentación do Informe GEM 2018, que avalía a evolución do emprendemento en Galicia. Lembra o apoio integral que ofrece a Administración autonómica no deseño de iniciativas e na creación, a consolidación e a proxección exterior das pemes. As mulleres son o 57% das persoas emprendedoras e lideran o crecemento da creación de empresas, cunha taxa de actividade neste eido que supera nun punto e medio á dos homes.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta mañá, en Santiago de Compostela, na presentación do Informe GEM Galicia 2018, onde destacou o incremento dos índices de emprendemento na Comunidade Autónoma e o papel das mulleres no crecemento da creación de empresas, cunha taxa feminina de actividade que continúa a súa tendencia á alza e supera en case medio punto á media española.

O Estudo GEM, realizado por un equipo da Universidade de Santiago de Compostela e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do Igape, e AJE Galicia, ofrece os datos sobre a intención previa, o lanzamento e os primeiros anos de actividade e a consolidación ou o abandono das empresas. O índice TEA -é dicir, a porcentaxe de poboación que iniciou ou se atopa nos primeiros anos dun proxecto empresarial- acadou no pasado ano o 5,6% do total dos habitantes de Galicia, superando en máis de medio punto ao de 2017 (5,06%).

Como apuntou Cividanes, o crecemento desta cifra está liderado pola iniciativa feminina, cunha taxa do 6,43%, case dous puntos superior ao de 2017 e un 1,67% máis que a masculina no último ano. Así, en máis do 57% dos casos a persoa emprendedora é unha muller e a porcentaxe de abandono da iniciativa é menor que a que se dá entre os homes. A taxa de creación de empresas por mulleres en Galicia en 2018 acadou o segundo maior valor desde 2015, superando a media do conxunto de España, que se situou o pasado ano no 6%.

O director do Igape sinalou tamén que a percepción de oportunidades mellorou en Galicia durante 2018, acadando un valor de 34,2%, fronte ao 28,2% do ano anterior. Subliñou que o 37,8% das iniciativas emprendedoras incipientes realizan actividades innovadoras, o que revela o auxe con respecto a 2017 cando foi do 23,1%, e que a porcentaxe dos proxectos empresariais que exportan subiu ata acadar o 32% do total.

Na mesma liña das expectativas de crecemento, o estudo presentado hoxe indica que un 46,8% ten previsto aumentar o cadro de persoal nos próximos cinco anos. Respecto á formación dos emprendedores galegos, outro dato significativo é o incremento da TEA entre as persoas que posúen estudos universitarios, que representaba un 7,99% en 2017 e en 2018 pasou a ser do 14,58%.

No que respecta ao emprendemento potencial -aquela parte da poboación adulta que expresa a súa intención de crear unha nova empresa nos próximos tres anos-, as cifras foron moi optimistas en 2018, posto que o 7,6% da poboación galega sinalou que espera emprender nun futuro inmediato (en 2017 fora o 5,9%), superando á media española que foi do 6,8%.

Apoio á creación de empresas

Nese sentido, Cividanes salientou o marco de estabilidade que ofrece o Goberno galego para a creación de novas empresas, que se reforzará coa aprobación dos próximos orzamentos da Comunidade, que destinarán 210 millóns de euros ao fomento da innovación e a mellora da competitividade e 260 millóns de euros para contar coa Galicia mellor formada da súa historia e impulsar o emprego.

Destacou tamén os apoios á creación de novas empresas que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do marco integral de apoios ao emprendemento que inclúe asesoramento para o deseño de proxectos e axudas para a creación, a consolidación e a internacionalización das novas compañías. Así, puxo de relevo os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, aos que en 2019 se están a destinar 9 millóns de euros e que prevén apoiar máis de 200 proxectos empresariais e mobilizar máis de 21 millóns de euros.

A estes apoios hai que engadir as iniciativas integradas na plataforma StartIN, que agrupa a rede de espazos coworking e as aceleradoras verticais, e que nos últimos cinco anos leva impulsado máis de 1000 proxectos, ademais dos instrumentos financeiros innovadores (IFIs) e os préstamos participativos ou o capital risco que ofrece Xesgalicia a través do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios