Luns, 25 Novembro 2019 12:52

A Xunta destaca o valor da transferencia da tecnoloxía para incrementar a competitividade do tecido produtivo

O secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Borja Verea, participou na xornada de presentación do proxecto europeo Spin_Up. A iniciativa galaico-lusa reforza os programas de emprendemento que o Goberno galego ten activos e a plataforma de aceleración empresarial StartIN. Cun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros, o Igape está a participar en tres novas iniciativas de colaboración transfronteriza no marco do programa europeo de cooperación na Eurorrexión.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019.-O secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Borja Verea, destacou hoxe, na presentación do proxecto europeo Spin_UP, a relevancia de establecer canles estables para a transferencia de tecnoloxía entre as universidades e os centros de investigación e o tecido empresarial de Galicia e Portugal.

O proxecto Spin_Up está liderado pola Universidade de Santiago de Compostela e está impulsado pola Xunta, a través do Igape, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación Área Empresarial do Tambre, a Universidade do Porto e Asociación Nacional de Jóvenes Empresarios (ANJE). Céntrase na creación de empresas mixtas e o fornecemento dos núcleos de transferencia de tecnoloxía en Galicia e o norte do país veciño, coa xeración e interacción de dous polos, un en cada territorio. Ademais, prevé o apoio a 40 iniciativas e a creación de 20 empresas spin off ou start up e a xeración de 40 postos de traballo de calidade.

Spin_Up súmase aos outros dous proxectos galego-lusos Co-logistics e Mobae, seleccionados na segunda convocatoria do Programa Europeo de Cooperación Transfronteriza (POCTEP) para seren desenvolvidos nos próximos anos, e que están impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración con outras entidades. As tres iniciativas dispoñen dun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros e, mentres que Co-logistics ten como obxectivo impulsar a actividade loxística, Mobae pretende promocionar os sistemas produtivos 4.0.

O apoio ao emprendemento que ofrece Spin_UP súmase aos proxectos integrados na plataforma StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras promovida pola Administración autonómica, que agrupa a rede de espazos coworking e as aceleradoras verticais e que nos últimos cinco anos leva impulsado máis de 1000 proxectos. A eles hai que engadir os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, os instrumentos financeiros innovadores (IFIs) e os préstamos participativos ou o capital risco que ofrece Xesgalicia a través do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.

Ao abeiro do POCTEP, o Igape desenvolve ademais, en colaboración con diversos organismos galegos e portugueses, o proxecto ECICII PLUS, co obxectivo de fortalecer a capacidade de internacionalización das pemes galegas e lusas a mercados como México e EEUU, América Latina, os países africanos de lingua oficial portuguesa, China, India, Singapur e Polonia.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios