Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da concesión de axudas por valor de 1,91 millóns de euros correspondentes á última convocatoria do programa de apoio á actividade dos clústeres galegos no seu impulso á competitividade das pequenas e medianas empresas.
Co obxectivo de mellorar a fortaleza do tecido industrial, 11 agrupacións empresariais e clústeres innovadores dos respectivos sectores económicos poñerán en marcha ata outubro de 2021 tanto plans de formación como actividades orientadas ao fomento da dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo da nosa Comunidade, que se prevé que mobilicen 5 millóns de euros.
Automoción, naval, madeira, industria da alimentación e conserveira, audiovisual e da edición e comunicación, TIC, granito e téxtil son os sectores produtivos nos que desenvolven as súas actividades as agrupacións apoiadas por esta liña de axudas. As entidades que desenvolverán os proxectos ao abeiro da última convocatoria son o Clúster de Empresas de Automoción (Ceaga), o do Naval Aclunaga, o da Madeira e do Deseño, o Alimentario Clusaga, o do Audiovisual, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados (Anfaco-Ceopesca), o Clúster TIC, o da Acuicultura Cetga, o de Comunicación, o do Granito e o Téxtil Moda Cointega.
As axudas contribuirán a consolidar os clústeres galegos para que sigan mobilizando recursos e proxectos e reforcen o seu papel activo á hora de definir estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico, ademais de continuar co seu papel fundamental de aceleradores da Axenda Industria 4.0. e pancas de impulso do novo modelo industrial.
Ao mesmo tempo que apoia o papel destas organizacións como pancas de difusión e pezas estratéxicas no impulso de proxectos innovadores, dando soporte á transformación dixital das compañías do seu ámbito de influencia, especialmente ás pequenas e medianas empresas; o programa reforza o papel dinamizador dos clústeres na actividade económica de Galicia, xa que os sectores produtivos representados por estas entidades acada algo máis do 75% do PIB de Galicia e, en termos similares, do nivel de emprego e exportacións galegas.
As axudas publicadas esta semana dan continuidade ás convocatorias realizadas no período 2013-2018, ás que se destinaron 5,4 millóns de euros, e compleméntase con outros programas que contribúen á promoción de iniciativas que lideran estas organizacións, como os Proxectos 4.0, os obradoiros de dixitalización e as business factories, ademais das diferentes liñas de apoios que se desenvolven coa colaboración das agrupacións empresariais para facilitar a internacionalización das pemes.