Porto (Portugal), 22 de novembro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, encabezou a delegación da Consellería de Economía, Emprego e Industria que esta mañá se reuniu na cidade portuguesa de Porto con representantes da Rexión norte do Ministerio de Industria luso para avanzar no desenvolvemento de medidas coordinadas que garantan o desenvolvemento da industria intelixente, innovadora e sustentable que permita a mellora da competitividade de ambos os dous tecidos produtivos.
No encontro, enmarcado na axenda de traballo da Subcomisión sectorial de desenvolvemento económico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, os representantes das administracións galega e portuguesa avanzaron na programación do cume bilateral sobre o futuro industrial e a cooperación económica que se celebrará o vindeiro ano en Galicia.
Dando continuidade ás tarefas previstas desde que se constituíu, o grupo de traballo avanzou na definición dun enfoque estratéxico industrial compartido, enmarcado na Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T), que facilite promover políticas conxuntas en Bruxelas, co fin de desenvolver un marco regulamentario que garanta os instrumentos da Unión Europea para o apoio e defensa das industrias da nosa Comunidade e o territorio norte luso.
Entre os integrantes desta subcomisión, coordinada pola Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza xunto co Igape, está a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, dependente do Ministerio de Industria do país veciño.