Mércores, 22 Xuño 2011 02:00

O Igape activa o re-Imaxina para mobilizar case 32 millóns en apoios a investimentos empresariais

conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destaca o labor do Instituto, como "o maior apoio aos emprendedores nas súas estratexias de crecemento". "As pequenas e medianas empresas son e seguirán sendo unha prioridade para a Xunta", asegura. En total case 700 pemes en crecemento, microempresas e emprendedores recibiron neste lexislatura o apoio do Re-ImaXina, un programa pioneiro en Galicia que permitiu estimular investimentos por valor de 20 millóns de euros.

Santiago, 22 de xuño de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou hoxe que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) activa o programa Re-ImaXina, para o exercicio 2011, co obxecvtivo de chegar a unha mobilización global de 32 millóns de euros, desde o comezo do programa ata o presente exercicio, destinados a apoiar os investimentos dos emprendedores, as microempresas e as pemes galegas.

Javier Guerra lembrou que "as pemes son e seguirán sendo unha prioridade dentro da Consellería de Economía e Industria" e destacou o labor do Igape, como "o maior apoio aos emprendedores nas as súas estratexias de crecemento".

Segundo o conselleiro, "as empresas deben asimilar a actual conxuntura económica como o mellor momento para reaccionar, reinventarse, reimaxinar novas fórmulas e medrar". Coa finalidade de acadar estes obxectivos, o Igape puxo en marcha o Programa Re-ImaXina, que conta con tres liñas diferenciadas. Liñas de apoio para microempresas (menos de 10 empregados), Peme Nova (de menos de 2 anos) e Peme Competitiva (con máis de 2 anos).

Guerra apuntou que, "para axudar aos emprendedores a avanzar neste camiño é prioritario facilitar ás pemes o acceso ao financiamento" e, neste sentido, o programa ReImaXina converteuse nunha ferramenta de apoio fundamental ás empresas, desde o comezo da lexislatura".

En total case 700 pemes en crecemento, microempresas e emprendedores recibiron o apoio do Re-ImaXina, un programa pioneiro en Galicia. Ademais, a receptividade das empresas permitiu estimular un investimento por valor de 20 millóns de euros, dende o comezo da lexislatura.

As 3 liñas do Re-ImaXina
O titular de Economía e Industria explicou que "a eficacia do Re-ImaXina, permitiu abrir unha nova edición do programa, para o exercicio 2011, coas mellores perspectivas". A liña orientada a Microempresas, contempla préstamos de ata 25.000 euros, chegando até o 100% do investimento, nun prazo de 5 anos e un de carencia, sen comisións nin penalizacións, por cancelación total ou parcial.

A liña adicada a Peme Nova ofrece préstamos entre os 25.000 euros e os 120.000 euros, para financiar até o 90% do investimento, a un prazo de 5 a 7 anos e un de carencia, igualmente, sen comisións nin penalizacións, por cancelación total ou parcial. Mentres que a liña para a Peme Competitiva conta cos mesmos apoios que a anterior, agás a porcentaxe de cobertura ao investimento que, neste caso, poderá cubrir até o 75%.

Unha empresa en menos de 48 horas
Por outra banda, Guerra engadiu que o "apoio aos emprendedores do Re-ImaXina, para pór en marcha novos proxectos, compleméntase coa axilidade na constitución telemática de empresas". A constitución telemática, baixo a forma xurídica de Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE) ou Sociedade Responsabilidade Limitada (SRL), "converteuse nunha alternativa rápida e eficaz", sinalou.

Este sistema apóiase nas novas tecnoloxías da comunicación, para facilitar a creación e posta en marcha dunha nova empresa en menos 48 horas e sen utilizar formularios de papel. Deste xeito, simplifícanse ao máximo os trámites e o empresario só debe presentarse nun dos Puntos de Atención e Inicio de Tramitación do Igape e acudir ao notario.

Deste xeito, facilitouse a constitución de máis 160 empresas por vía telemática, no que vai de lexislatura. O tempo medio empregado, na creación de SLNE, sitúase en 1,44 días, en Galicia, o máis reducido de toda España.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios