Arzúa (A Coruña), 20 de novembro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, visitou esta mañá en Arzúa a empresa TMG-Toldos Gómez, onde puxo de manifesto o compromiso da Xunta no apoio á incorporación dos investimentos 4.0, os avances na fábrica intelixente e á innovación tecnolóxica nas pemes galegas para impulsar o seu crecemento e presenza e consolidación en novos mercados exteriores.
Cividanes indicou que o compromiso coa modernización dos procesos produtivos desta empresa, que se dedica á fabricación de toldos, téxtiles técnicos, carpas e estruturas, explica a mellora na súa competitividade e expansión nacional e internacional. TMG-Toldos Gómez participa desde hai anos en diversos programas de apoios, entre os que destacan as axudas á dixitalización que, ao abeiro da Axenda 4.0, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activas co obxectivo de impulsar iniciativas que permiten avanzar na implantación da fábrica intelixente nos sectores estratéxicos de Galicia.
Neste sentido, o director do Igape puido comprobar, nun dos cinco centros de traballo da empresa creada en Arzúa en 1912, os avances que está a realizar co apoio destas axudas, as máis recentes, para desenvolver dous sistemas: un propio que dará acceso aos clientes ao entorno informático de xestión e que lles permitirá interactuar con este desde as páxinas web; e outro que facilitará aplicar a intelixencia de negocio e analizar todos os datos xerados nas distintas operacións para optimizar a toma de decisións. Está previsto que ambos estean en funcionamento en xuño do vindeiro ano.
A través da última convocatoria resolta das axudas á dixitalización, liña cofinanciada entre o Igape e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a Xunta está a apoiar 132 proxectos que suporán investimentos por valor de case 2,3 millóns de euros. Este programa, do que proximamente se resolverá a última edición de 2019, serve para impulsar a adquisición de equipos e software, así como as colaboracións necesarias para a súa implementación, a través de proxectos colectivos de agrupacións e pemes e de iniciativas promovidas a nivel individual.
Cividanes tamén resaltou que o éxito de TGM-Toldos Gómez, que emprega a 89 persoas e facturou o pasado ano case 5 millóns de euros, está baseado na busca da aplicación das tecnoloxías 4.0 para optimizar os procesos produtivos, como o big data, na diversificación das liñas de negocio e na aposta pola sustentabilidade e a calidade dos produtos que fabrica.
De xeito paralelo, a peme arzuá aposta pola internacionalización e, así, no que vai de 2019 leva incrementado as súas exportacións ao exterior ao 3,8% do total das vendas realizadas, duplicando o exportado en 2018, cando chegou ao 1,7% do facturado.