Luns, 18 Novembro 2019 11:49

A Xunta abre o prazo de solicitude da nova liña de préstamos para apoiar as empresas auxiliares do sector naval

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas destinadas a mellorar a situación financeira de provedores de bens e servizos de estaleiros que atravesan dificultades. Os apoios incorpóranse ao programa de préstamos directos para o financiamento empresarial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dotado dun orzamento de 36M ata 2021. Os créditos contarán cun prazo de amortización máximo de cinco anos e terán un importe mínimo de 50.000 euros e un máximo dun millón.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2019.- A Xunta vén de abrir o prazo de solicitude das axudas dirixidas a facilitar o financiamento ás empresas da industria auxiliar naval que poidan estar sufrindo retrasos nos pagos debido ás dificultades que están atravesando determinados estaleiros galegos.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destes apoios que se incorporan ao programa de préstamos directos para o financiamento empresarial, que ten activo o Igape e que dispón no seu conxunto dun orzamento total de 36 millóns de euros ata 2021. Coa nova liña de axudas, a Xunta facilitará a concesión de créditos comprendidos entre 50.000 e un millón de euros, que contarán cun prazo de cinco anos de amortización.

Posta en marcha despois das reunións mantidas co Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), con esta iniciativa prevese mellorar a situación financeira dos provedores de bens e servizos do naval galego acompañando as necesidades de liquidez que poidan ter, nun sector que nos últimos anos está a realizar un importante esforzo por modernizarse e que está dotado dun capital humano altamente cualificado.

Búscase así apoiar a actividade da industria naval galega, que ten a segunda maior carteira de pedidos de Europa e que conforma un sector clave para a economía de Galicia. Estes préstamos enmárcanse no Plan de financiamento empresarial de Galicia para 2019, que conta cun orzamento de 100 millóns de euros, e que facilita financiamento a proxectos empresariais, coa previsión de mobilizar 290 millóns de euros a través de instrumentos financeiros.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios