Venres, 08 Novembro 2019 10:19

Galicia impulsa a transformación do sector loxístico coa posta en marcha da estratexia coa que se mobilizarán 20 M€ ata 2022

A iniciativa, enmarcada na Axenda 4.0, ten como obxectivo impulsar as empresas galegas de distribución e subministración e un sector que representa o 4% do PIB galego e preto de 50.000 empregos. O novo plan activado pola Xunta inclúe a posta en marcha de catro centros de apoio ao transporte por estrada, dos que se beneficiarán 5000 empresas ata 2022. Tamén se impulsará un proxecto para a simplificación dos trámites aduaneiros e unha plataforma dixital de co-carga a través da cal as compañías recibirán as mellores ofertas para contratar servizos loxísticos. Crearase unha aceleradora sectorial e activarase un portal de información en liña. Inclúe un convenio co novo Clúster da Función Loxística, que nace da cooperación entre axentes e empresas e ten previsto agrupar a 50 compañías. Esta entidade contou para a súa constitución con empresas como Kaleido, Gadisa, Finsa, Hijos de Rivera, e Delta Vigo, ademais da Autoridade Portuaria de Vilagarcía.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019.- A Xunta destinará 11 millóns de euros ata 2022 ao desenvolvemento da Estratexia Galega de Optimización Loxística, co obxectivo de impulsar a competitividade das empresas do sector da organización, abastecemento e transporte de mercancías. O Goberno galego segue a afondar así na folla de ruta marcada pola Axenda Industria 4.0, con este plan integrado que busca facer de Galicia unha plataforma loxística atractiva e co que se mobilizarán 20 millóns de euros en investimentos. Nesta Estratexia inclúense todos os actores do tecido industrial e do transporte para dar dunha resposta coordinada dos sistemas loxísticos que permita impulsar a competitividade territorial e industrial.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria presentou hoxe no Consello da Xunta a nova estratexia, que inclúe entre as medidas que activará a posta en marcha de catro centros de apoio ao transporte por estrada, un en cada provincia, que prestarán servizos 24 horas co obxectivo de beneficiar a 5000 empresas ata 2022; un proxecto piloto de creación dunha xanela única para a realización dos trámites aduaneiros nos portos galegos; e unha plataforma dixital de co-carga que se porá en marcha en 2020, a través da cal as empresas poderán comunicar de xeito sinxelo as súas necesidades de transporte e recibir inmediatamente as mellores ofertas. Deste xeito, facilítase ás compañías axilizar os prazos de contratación de servizos loxísticos.

Ademais, o plan, que desenvolverá o Igape, inclúe a creación dunha aceleradora vertical de proxectos emprendedores innovadores no eido da loxística; e a creación dun portal de información en liña.

Nese sentido, esta folla de ruta incorpora un convenio de colaboración co Clúster da Función Loxística, creado recentemente co obxectivo de apostar pola optimización na organización da provisión e o transporte de mercancías, e que prevé integrar a 50 empresas. Na constitución da nova agrupación empresarial, que contou co impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria, participaron axentes e empresas relevantes do sector, como Kaleido, Gadisa, Finsa, Hijos de Rivera, e Delta Vigo, ademais da Autoridade Portuaria de Vilagarcía; un clúster ao que xa se teñen sumado recentemente outras compañías como Pérez Torres Marítima, Jevaso, e Reboredo Hermanos.

O plan aprobado hoxe enmárcase na Axenda Industria 4.0, coa que o Goberno galego busca avanzar na transformación dixital promovendo a mobilización de 900 millóns de euros entre 2019 e 2022, e complementa outras iniciativas como a posta en marcha dos Centros de Fabricación Avanzada, para validar recursos de tecnoloxías dixitais feitas en Galicia en sectores produtivos concretos, e o programa de desenvolvemento de provedores de maquinaria industrial.

Ademais, o comezo da execución da Estratexia Integral de Optimización Loxística complétase coa posta en marcha do proxecto Co-logistics, que ten como obxectivo fomentar a internacionalización e a presenza exterior das empresas de Galicia e o norte de Portugal nese ámbito. Liderada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, a iniciativa conta cun orzamento total de máis de 2,2 millóns de euros.

O sector galego da loxística

A Estratexia Integral de Optimización da Función Loxística potencia a transformación coordinada dun sector clave para a economía galega, que representa o 4% do PIB, emprega a preto de 50.000 persoas e no que operan preto de 12.000 empresas, segundo os últimos datos elaborados polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

O sector é, adicionalmente, un vector de competitividade territorial e empresarial de primeira orde, vital para o bo funcionamento das cadeas de subministración e para posicionar os produtos primarios e industriais nos mercados exteriores. A loxística ten un valor crecente na mellora da competitividade empresarial e territorial.

A provisión e o transporte de mercancías en Galicia debe anticiparse e adaptarse ás novas tendencias globais que afronta na actualidade, activadas polo proceso de globalización e internacionalización da economía, así como pola irrupción das tecnoloxías emerxentes.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios