Venres, 18 Outubro 2019 11:40

A Xunta renova a súa colaboración con AJE Galicia para impulsar o emprendemento e o fortalecemento do tecido industrial

A Consellería de Economía, Emprego e Industria asinará un convenio con esta asociación de empresarios no marco do cal se realizarán accións formativas conxuntas, ademais de crear espazos de traballo sectoriais e celebrar un foro de investimento 4.0. O Goberno galego pon á disposición dos emprendedores diferentes programas de axudas e o apoio integral das aceleradoras que forman parte da plataforma StartIN Galicia, que leva impulsado máis de 1000 proxectos.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, reforza a súa colaboración coa Federación Galega de Xoves Empresarios AJE Galicia, co obxectivo de seguir traballando de xeito conxunto no impulso ao emprendemento e no fortalecemento do tecido industrial galego.

Así, o Consello da Xunta autorizou hoxe un convenio con esta entidade, que conta cun financiamento de 81.000 euros e permitirá a realización conxunta de accións de formación, dirixidas tanto ao fomento do emprendemento e dinamización do rural como ao asesoramento específico para autónomos. Ademais, prevé a posta en marcha de espazos de traballo sectoriais e o desenvolvemento dun foro de investimento e conferencias relacionadas coa Industria 4.0, no marco dun congreso dirixido a empresarios novos.

Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta polo impulso e consolidación de novas empresas, coa que este ano se destinan 9 millóns de euros en axudas ao emprendemento ao abeiro das convocatorias do Galicia Emprende. As edicións actuais apoiarán 200 iniciativas de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros. Os emprendedores galegos poden tamén acceder a financiamento a través de programas como os préstamos IFI.

Ademais, mediante as iniciativas que forman parte da Plataforma StartIN Galicia, que agrupa todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica, nos últimos cinco anos impulsáronse máis de 1000 proxectos emprendedores en todo o territorio. A través desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e as demais aceleradoras sectoriais en marcha, así como a rede de espazos coworking.

Na anterior edición do acordo con AJE Galicia leváronse a cabo 21 actuacións, que deron apoio ás iniciativas de 675 emprendedores. O Igape e a entidade empresarial tamén colaboran, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, na elaboración e publicación do informe GEM, Global Entrepreneurship Monitor, que analiza a situación do emprendemento en Galicia.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios