Mércores, 16 Outubro 2019 13:41

A Xunta activa a nova liña de préstamos destinada ao sector turístico para reforzar o impacto económico do Xacobeo 2021

Os Instrumentos Financeiros Innovadores (IFI) incorporan un novo programa destinado aos establecementos de aloxamento, que complementa os xa activos de apoio aos investimentos en Industria 4.0, emprendemento e innovación. Cos IFI Tur, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a creación e mellora de hoteis, pensións, cámpings e instalacións de turismo activo e rural. Os préstamos, que cubrirán ata o 65% do investimento a realizar, estarán comprendidos entre 50.000 euros e un millón e contarán cun prazo máximo de amortización de 12 anos e xuros que poden quedar no 0%.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar a través do Igape o novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFI) dirixido ao sector turístico, mediante o que se potenciará a actualización e a preparación dos establecementos de aloxamento para o Xacobeo 2021 para reforzar así o seu impacto económico na economía galega.

A nova liña de axudas, da que se publica hoxe a primeira convocatoria, forma parte dos préstamos IFI, cofinanciados ao 80% con fondos Feder, e que contan no seu conxunto cunha dotación de 27,1 millóns de euros. Os IFI Tur impulsarán investimentos na creación e mellora das instalación de hoteis, pensións, cámpings e establecementos de turismo activo e rural.

Os préstamos, comprendidos entre 50.000 e 1 millón de euros, contarán cun prazo máximo de amortización de 12 anos e incluirán unha subvención equivalente á rebaixa dos custos financeiros a pagar polos beneficiarios, que poderían quedar no 0%. Os préstamos IFI Tur poderán abarcar ata o 65% do investimento a realizar polas empresas. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 31 de decembro de 2019.

Esta liña vén reforzar os instrumentos integrados no Plan de financiamento activado polo Goberno galego e que reforzará este ano 800 proxectos de emprendedores, microempresas e pemes grazas a un orzamento de 100 millóns de euros. Con esta achega, a Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé mobilizar máis de 290 millóns de euros a través de instrumentos financeiros que contribúen á creación de empresas, o crecemento das pequenas e medianas compañías no ámbito da Industria 4.0 e o apoio ás actividades de innovación. Entre as novidades que inclúe o plan, ademais dos IFI Tur, destaca a nova liña de préstamos para o financiamento de proxectos estratéxicos, destinada a iniciativas de entre 1,5 e 10 millóns de euros.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios