Ponteareas (Pontevedra), 4 de outubro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, clausurou hoxe en Ponteareas a cuarta edición do encontro empresarial que organiza a asociación de desenvolvemento rural GDR Condado Paradanta para fortalecer a rede de negocios das comarcas e impulsar as relacións profesionais entre provedores, produtores e clientes.
No acto, no que se presentaron proxectos de emprendemento e consolidación de iniciativas empresariais en sectores como a industria, o comercio e a produción vitivinícola, Cividanes destacou a aposta de Galicia pola dinamización económica do eido rural, que se plasma no esforzo que o tecido empresarial do Condado e A Paradanta vén realizando tanto no desenvolvemento como na creación e mantemento do emprego neses territorios.
O director do Igape lembrou que o 18 deste mes finaliza o prazo de presentación de solicitudes da segunda convocatoria deste ano do programa Galicia Emprende, que apoia a posta en marcha e a consolidación de proxectos de nova creación. A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén mantén aberta, neste caso ata finais do ano, a convocatoria para solicitar as axudas dos Instrumentos Financeiros Innovadores Emprende.
Estes programas forman parte do apoio integral ao emprendemento que achega a Xunta a través da plataforma StartIN Galicia, que desenvolve ademais iniciativas como as business factories, a rede de espazos coworking e as demais aceleradoras que están en marcha: ViaGalicia, Connecting for Good Galicia e Galicia Open Future.