Mércores, 24 Xullo 2019 09:41

A Xunta apoia aos emprendedores do coworking do Salnés na súa aposta pola especialización e a oferta de produtos e servizos de calidade

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Vilanova de Arousa na clausura da terceira edición da aceleradora promovida polo Goberno galego en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI). Salienta que os 22 novos empresarios optan pola valorización dos recursos do territorio e a produción sostible. Os participantes contaron cun asesoramento especializado e titoría personalizada no Pazo Vista Real, onde se levan impulsado 65 plans empresariais, con preto de 30 xa en marcha.

 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 23 de xullo de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe no Pazo Vista Real de Vilanova de Arousa os servizos e axudas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das novas empresas no peche do coworking do Salnés, onde os 22 emprendedores participantes nesta terceira edición presentaron os seus proxectos empresariais despois de completar o proceso de formación e asesoramento.

Os novos empresarios, que desenvolveron 21 plans de negocio neste espazo de emprendemento, impulsado pola Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), optaron por diferentes sectores de actividade como o benestar e a saúde; o turismo especializado, integral e sostible; a oferta gastronómica baseada en tradicións locais e internacionais; a produción alimentaria artesanal; e servizos gráficos, de lecer e inmobiliarios personalizados.

O coworking do Salnés, que nas dúas edicións anteriores apoiou 44 iniciativas emprendedoras, forma parte da rede creada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, en colaboración coa EOI. O obxectivo fundamental das aceleradoras, que contan con co-financiamento do Fondo Social Europeo (FSE), é promover o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das iniciativas promovidas polos emprendedores, facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

Desde o comezo da súa actividade en 2017 ata a actualidade, dos 65 proxectos impulsados na aceleradora xa están en marcha 28, e está previsto que comecen a funcionar proximamente 11 máis. Ademais, estas iniciativas levan asociadas a creación ou mantemento de 36 postos de traballo.

Durante a súa intervención, Cividanes subliñou a importancia de que as ideas innovadoras dos emprendedores adecúen as súas propostas ás novas necesidades do mercado actual, nas que as demandas dos clientes e consumidores son máis personalizadas e especializadas, así como a aposta pola calidade dos produtos e servizos que ofrecen, a valorización dos recursos do territorio e a produción sostible.

Cividanes resaltou os instrumentos de apoio que ofrece o Goberno galego para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá dos proxectos dos emprendedores. Así, a través do Igape, poden acceder a programas como o Galicia Emprende, que ten como obxectivo estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e fortalecemento de novas pemes, así como os préstamos directos activados no programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para facilitar os seus investimentos.

Mediante a última convocatoria do programa Galicia Emprende, do que permanece aberto o prazo de solicitudes ata o vindeiro 10 de outubro, e do Galicia Rural Emprende, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará en total axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros.

Nestes días están a finalizar tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking de Santiago de Compostela, A Costa da Morte, Ferrolterra, A Mariña lucense, A Ribeira Sacra, Ourense e Celanova-Terras da Limia, nos que no conxunto das actuais edicións se apoiaron 167 iniciativas de emprendemento. Desde o coemzo da súa actividade en 2016 ata 2018, as iniciativas impulsadas por esta rede de aceleradoras levan asociadas a creación e mantemento de 226 empresas e 394 postos de traballo.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios