Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a concesión de axudas por valor de 376.000 euros para apoiar o desenvolvemento de 23 plans de formación nos que se prevé que participen 200 pemes.
Organizados por clústeres e colectivos empresariais dos diferentes sectores produtivos, a Xunta activa deste xeito por segundo ano espazos de colaboración desenvolvidos por un mínimo de 6 empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais. O apoio máximo por proxecto é de 25.000 euros.
O obxectivo desta liña de axudas é colaborar na posta en marcha de sistemas informáticos nos catro ámbitos que teñen máis potencial para achegar valor ás empresas: os proxectos colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa, os proxectos individuais de conectividade interempresarial, de conectividade intraempresarial e de intelixencia artificial.
Os cursos abranguen distintos sectores produtivos e abordarán, entre outros, aspectos como a transformación dixital da automoción galega, a aplicación das tecnoloxías 4.0 aos ámbitos agroalimentario, a madeira, a industria da saúde, o turismo ou ao aprovisionamento e expedición dos produtos pesqueiros; a promoción da industria naval intelixente e o mercado tecnolóxico das comunicacións dixitais.
De igual xeito, está prevista a próxima publicación da resolución das axudas á dixitalización, a liña de apoio complementaria á de formación, coa que se apoia tanto o investimento en equipos e software como as colaboracións necesarias para a súa implementación, financiándose proxectos colectivos de agrupacións de empresas e iniciativas promovidas a nivel individual. Estímase poder beneficiar a 200 compañías de xeito directo ou ben no marco de proxectos agrupados. Trátase dun programa que alcanza o seu segundo ano tras a boa acollida no 2018 no que se apoiaron 170 empresas.
Así, a Xunta destina para este ano e o próximo cinco millóns de euros a impulsar iniciativas que xeran proxectos colectivos de dixitalización e que reforzan a aposta por un modelo de peme 4.0, dixital, innovadora e exportadora, mediante os investimentos e a especialización en aspectos como o big data e a interconexión entre empresas.
Os programas desenvólvense no marco da Axenda Industria 4.0, á que o Goberno galego, como se vén de informar no último Consello, destinará 350 millóns de euros en catro anos co obxectivo de anticiparse aos cambios, aumentar o tamaño das empresas, favorecer o talento dixital e a reinvención da industria. Ademais da activación de novas medidas e proxectos, esta folla de ruta prevé o reforzo dos programas xa en funcionamento e a posta en marcha de novas liñas de actuación que faciliten a transformación dixital, co desenvolvemento de servizos, solucións, ferramentas de colaboración e financiamento 4.0 para as pemes galegas.
Deste xeito, seguirase afondando no impulso á xeración dun novo tecido empresarial competitivo na economía global e conectada, facilitando ademais a creación de 13.500 empregos industriais e a mobilización de 900 millóns de euros entre 2019 e 2022.