Xoves, 04 Xullo 2019 09:36

A Xunta anima aos emprendedores do coworking de Santiago a seguir apostando polas TIC e o impulso á industria cultural

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe na Cidade da Cultura na clausura da aceleradora, onde 24 emprendedores presentaron as súas iniciativas que apoia a Administración autonómica coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI). Salienta que os novos empresarios apostan pola calidade dos seus produtos e servizos e pola implantación de tecnoloxías 4.0. Entre as actividades escollidas polos participantes desta cuarta edición resaltan as enfocadas a servizos tecnolóxicos, audiovisuais ou do sector da moda.

 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na Cidade da Cultura os servizos e axudas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das novas empresas no peche do coworking de Santiago, onde os 24 emprendedores participantes nesta cuarta edición presentaron os seus proxectos empresariais despois de completar o proceso de formación e asesoramento.

Os novos empresarios, que desenvolveron 19 iniciativas neste espazo de emprendemento, que impulsa a Xunta, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), optaron por diferentes sectores de actividade como o dos servizos tecnolóxicos e formativos apoiados nas TIC, empresas de apoio e fomento á cultura galega, iniciativas do ámbito da comunicación e produción audiovisual, do turismo ou da moda, entre outros.

O coworking de Santiago, que nas tres edicións anteriores apoiou 65 iniciativas emprendedoras, forma parte da rede de espazos creada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, en colaboración coa EOI. O obxectivo fundamental das iniciativas da aceleradora, que contan con cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE), é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

Desde o comezo da súa actividade no 2016 ata a actualidade, dos proxectos acelerados na coworking da Cidade da Cultura xa están en marcha 38 e a finais de ano está previsto que comecen a funcionar oito máis. Ademais, estas iniciativas levan asociadas a creación ou mantemento de 54 postos de traballo.

Durante a súa intervención na clausura do demoday, Cividanes subliñou a importancia de que as ideas innovadoras dos emprendedores adecúen as súas propostas ás novas necesidades do mercado actual, así como a aposta pola calidade dos produtos e servizos que ofrecen e pola implantación de tecnoloxías 4.0.

Cividanes resaltou os instrumentos de apoio que ofrece o Goberno galego para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá dos proxectos dos emprendedores. Así, a través do Igape, poden acceder a programas como o Galicia Emprende, que ten como obxectivo estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e fortalecemento de novas pemes, así como os préstamos directos como os activados no programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.

A través da última convocatoria do programa Galicia Emprende, do que permanece aberto o prazo de solicitudes, ata o vindeiro 10 de outubro, e do Galicia Rural Emprende, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará en total axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros.

Nos próximos días finalizarán tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking de Celanova-Terras de Limia, Costa da Morte, Ferrolterra, Mariña Lucense, Ribeira Sacra, O Salnés e Ourense, nos que no conxunto das actuais edicións, se apoiaron 167 iniciativas de emprendemento.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios