Luns, 01 Xullo 2019 10:44

A Xunta presenta os seis proxectos que participarán na primeira edición da aceleredora Business Factory Food

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe en Santiago no acto de presentación que a Xunta, coa BFFood, apoia o emprendemento innovador na industria alimentaria galega para avanzar na súa competitividade e proxección exterior. A aceleradora está promovida pola Xunta, a través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e Xesgalicia, coa coordinación e xestión do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). As iniciativas elixidas aportan solucións para resolver os retos propostos polas empresas do ámbito da alimentación. Nos primeiros catro meses do ano, o sector da agroalimentación acadou un volume de exportacións de 983,7 millóns de euros e foi a terceira industria en vendas ao exterior tras o téxtil e a automoción.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, asistiu esta mañá en Santiago de Compostela ao acto de presentación dos seis proxectos participantes na primeira edición da Business Factory Food (BFFood), onde resaltou o éxito desta convocatoria que rexistrou un total de 56 iniciativas presentadas, das que foron preseleccionadas as 18 que hoxe expuxeron as súas propostas.

Cividanes deu a coñecer as seis iniciativas que participarán nesta primeira edición e que aportan solucións innovadoras para resolver os retos propostos polas empresas do sector nas áreas de dixitalización, automatización, comercialización, trazabilidade e loxística.

Deste xeito, CERTO Full Traceable Label (O Porriño, Pontevedra) presenta un proxecto encamiñado a resolver o desafío da etiquetaxe intelixente; Essence Food (Vigo) pretende desenvolver novos produtos alimentarios e non alimentarios a partir de excedentes de comida; Alpha Cloud (Outes, A Coruña) é unha iniciativa que desenvolve unha plataforma virtual aplicada á mellora dos procesos de produción; Monkey Market (A Coruña) presenta unha ferramenta online que facilita a fabricantes europeos do sector vender en China e a importadores deste país comprar en Europa; Muutech monitoring solutions (Pontevedra) impulsa unha plataforma de monitorización de datos que facilita a optimización dos procesos e costes das empresas; e, por último oSIGris (Cambre, A Coruña), que permite a dixitalización dos cultivos aos agricultores.

A partir de agora, os seis proxectos seleccionados terán a oportunidade de ser mentorizados por grandes compañías do sector e disporán de formación, espazos de traballo, acceso a infraestruturas, medios e servizos, financiamento e networking. A convocatoria para a segunda edición da BFFood comezará o vindeiro outubro.

Na súa intervención, Cividanes subliñou que a BFFood permite seguir avanzando nunha industria alimentaria galega máis competitiva e con maior proxección exterior.

Así, durante o pasado ano 1384 empresas galegas alimentarias exportaron os seus produtos, colocando ao sector agroalimentario galego como a terceira industria en volume de vendas ao exterior, tras o téxtil e a automoción. Ademais, nos primeiros catro meses do ano as compañías deste ámbito produtivo exportaron os seus produtos por valor de 983,7 millóns de euros, un 1,3% máis que no mesmo período de 2018.

Impulso ao emprendemento na alimentación

A BFFood está promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, coa coordinación e xestión do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), e ten como principais obxectivos acelerar e consolidar novas empresas que aporten solucións innovadoras ao mercado, afianzar o tecido empresarial galego e atraer talento nacional e internacional.

A aceleradora conta co apoio de empresas tractoras do sector, como o Grupo Calvo, o Grupo Nueva Pescanova, Bodegas Martín Códax, Kiwi Atlántico, Clavo Food Factory, CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Quescrem e Torre de Núñez. Ademais, participan como entidades colaboradoras as tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), Anfaco-Cecopesca, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

A BFFood súmase ás aceleradoras sectoriais coas que Galicia conta en sectores como a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada nos eidos agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa). Ademais, intégrase na rede de aceleradoras de Galicia, StartIN, coa que a Xunta está apoiando o desenvolvemento de 900 proxectos emprendedores.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios