Luns, 01 Xullo 2019 10:31

A Xunta facilita a implantación de plans de mellora competitiva das pemes a través de solucións TIC

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das accións do programa ReAcciona TIC, apoia a dixitalización de 48 pemes coa implantación de 51 servizos 4.0 a través das tres primeiras convocatorias do 2019. Mediante esa iniciativa que achegou máis de 230.000 euros durante este ano, búscase optimizar a modernización e innovación tecnolóxica do tecido empresarial. O Goberno galego, mediante os programas ReAcciona e ReAcciona TIC, concedeu durante o ano pasado axudas por 1,9 millóns de euros para impulsar máis de 500 servizos de mellora en empresas galegas.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou, a través das tres primeiras convocatorias de 2019 das accións do programa ReAcciona TIC, a mellora competitiva de 48 compañías coa implantación de 51 servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións da Industria 4.0. En total, concedéronse axudas por 232.042 euros.

En 2019 activáronse en total catro convocatorias deste programa desenvolto polo Igape. A última vén de pechar o prazo de solicitudes o pasado día 20 de xuño e falta por coñecer a súa resolución.

Esta iniciativa, cofinanciada ao 80% con fondos Feder, oferta servizos que inclúen a diagnose das necesidades de cada empresa para a implantación das tecnoloxías dixitais, o acompañamento e apoio na posta en marcha de proxectos Industria 4.0, ou a exploración de novas oportunidades de negocio vinculadas a esta industria, así como a xeración de modelos e simulacións industriais para optimizar os procesos de produción.

A través dos programas ReAcciona TIC e ReAcciona, que ten entre os seus obxectivos prioritarios o de apoiar a profesionalización dos equipos directivos e de xestión de empresas, para ao seu crecemento e internacionalización, a Xunta reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da capacidade competitiva das pemes galegas en ámbitos como o financeiro, a produción, o comercial, o da comunicación ou o do deseño estratéxico.

Das pemes beneficiarias nas tres convocatorias aprobadas no que vai de ano, o 74% acollerase ao servizo de diagnóstico e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0; un 16% recibirá acompañamento para desenvolver esas solucións, e o 10% restante disporá de apoio para a xeración dun modelo industrial propio e a súa correspondente simulación.

A mellora do posicionamento nos mercados das empresas galegas mediante as TIC é un dos obxectivos da Axenda Industria 4.0, posta en marcha pola Xunta en 2015, e que se converteu na folla de ruta do Goberno galego para acadar un novo modelo industrial máis competitivo e cunha maior proxección exterior.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios