Negreira (A Coruña), 13 de xuño de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na súa visita ás instalacións da empresa GV Soluciones en Negreira a boa evolución da presenza exterior das compañías do sector da maquinaria, que no primeiro trimestre do ano aumentaron as súas exportacións nun 43,5% con respecto ao mesmo período do ano anterior e as exportacións lograron un valor de 202 millóns de euros. No mes de marzo a suba tamén foi destacada, un 47,7% e acadaron un volume de vendas de 69,8 millóns de euros.
Cividanes quixo destacar que empresas como GV Soluciones, con clara vocación exportadora e cun gran desenvolvemento tecnolóxico e innovador, son boa mostra da boa senda de crecemento no exterior das pemes galegas. Así, esta compañía, que centra a súa actividade no desenvolvemento e fabricación de produtos, o deseño de solucións individualizadas e o asesoramento e xestión de proxectos, centrado na mellora da calidade das augas, ten presenza nunha quincena de países, entre os que se atopan Noruega, Suíza, Nova Celandia, Estados Unidos, Colombia, Chipre, China, Grecia, Portugal, Alemaña ou India.
En relación aos destinos das vendas do tecido produtivo galego, o director do Igape resaltou que a Xunta, a través da Estratexia de internacionalización da empresa galega, traballa para acompañar ás empresas no seu obxectivo de diversificarse e abrirse a novos mercados. Así, durante o primeiro trimestre do ano destacou os incrementos das exportacións a China, cunha suba do 30%, e do continente americano, cun incremento do 31%, concretamente aos Estados Unidos o aumento foi do 56%.
Sobre o comportamento exportador doutros sectores produtivos no mes de marzo de 2019, o director do Igape destacou o incremento no sector das industrias químicas, que medrou un 39,7% e logrou un valor de 76,7 millóns de euros; o TIC, que subiu un 30,9% e acadou un volume de 8,8 millóns de euros; e o da madeira forestal, que se incrementou nun 9,7% e conseguiu unhas vendas de 79,7 millóns de euros.
Durante a súa visita a esta compañía, Cividanes destacou o apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para que o tecido empresarial galego avance na súa proxección exterior. Así, GV Soluciones contou coa axuda do Igape para a contratación dun xestor de internacionalización, así como tamén se apoiou nas oficinas do exterior que ten o Instituto en países como Perú ou Marrocos para lograr unha maior dimensión internacional.
Cividanes resaltou ademais a participación da empresa negreiresa no programa Galicia Exporta, co que mediante liñas específicas para desenvolver proxectos individuais e colectivos, a Xunta impulsa as exportacións das pemes galegas.
No marco da Estratexia de internacionalización da empresa galega, a Xunta destina 11,6 millóns de euros aos programas Galicia Exporta e Foexga, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións, para chegar a preto de 1000 empresas. Mediante a programación do Foexga para o 2019, incorpóranse doce novos destinos, a maior parte deles fóra de Europa e increméntase o número de actuacións en países nos que xa se estaba actuando. En total, téñense previstas realizar 111 accións, un 46% máis que no ano anterior.