Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2019.- A Consellería de Economía Emprego e Industria reafirmou hoxe o seu compromiso co apoio ao financiamento dos proxectos empresariais das pemes e os autónomos galegos no acto de firma do convenio de colaboración asinado esta mañá en Santiago de Compostela polo director do Igape, Juan Cividanes, e representantes das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) galegas e de sete entidades financeiras.
O acordo activa a nova convocatoria do programa de avais que o Consello da Xunta aprobou recentemente, coa que este ano se destinan 1.125.000 euros a estas axudas. Como lembrou o director do Igape, a través desta nova liña, facilitarase a realización de distintos tipos de operacións de financiamento comprendidas entre 3000 euros e un millón, para mellorar a situación financeira de máis de 200 pequenas e medianas empresas e emprendedores, incrementando tamén os créditos mobilizados.
Mediante operacións avaladas ata nun 100% polas Sociedades de Garantía Recíproca que, a súa vez, contan cun reaval da Consellería de Economía, Emprego e Industria polo 25% do risco asumido, favorécese o acceso ao financiamento de pemes e autónomos.
Na sinatura, na que ademais de Afigal e Sogarpo -as dúas SGR galegas- participaron Abanca, Bankinter, Banco Santander, BBVA, CaixaBank, Caixa Rural e o Banco Sabadell, Cividanes destacou que o programa que abeira o convenio permitirá a mobilización en Galicia de 40 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes para a nova convocatoria, que vén de publicar o DOG, permanecerá aberto ata o próximo 30 de setembro.
Entre as principais novidades da nova convocatoria destacan que se duplica o límite das operacións realizadas, pasando de 0,5 a un millón de euros, e se amplían as finalidades ás que se pode destinar o apoio achegado, que cobre circulante, investimentos e avais técnicos. As operacións financeiras apoiadas terán un prazo máximo de 10 anos, incluídos ata dous anos de carencia.
O programa de financiamento para pemes desenvólvese no marco do Plan de financiamento empresarial de Galicia para 2019, aprobado polo Goberno galego recentemente co obxectivo de facilitar financiamento para 800 proxectos de emprendedores, microempresas e pemes. Cun orzamento de 100 millóns de euros, prevé mobilizar 290 millóns de euros a través de instrumentos financeiros que contribúen á creación de empresas, crecemento das pemes da industria e tamén ao apoio ás actividades de innovación.
A través do programa de avais, a Xunta aprobou desde 2009 un total de 3288 operacións para mobilizar préstamos para circulante por importe de máis de 116,2 millóns de euros.