Luns, 03 Xuño 2019 11:08

A Xunta reforza cunha misión comercial as oportunidades de negocio do sector naval e do metal en Noruega

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, acompaña a unha delegación formada por 43 empresas, 2 clusters e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. Na viaxe participarán na Feira Nor-Shipping, evento internacional para a industria marítima que se celebra do 4 ao 7 de xuño en Oslo. As vendas ao exterior galegas a Noruega acadaron en 2018 os 111 millóns de euros e no pasado ano exportaron ao país nórdico 274 empresas . Mediante os programas Foexga e Galicia Exporta, o Goberno galego inviste 11,6 millóns de euros durante 2019 e 2020 para apoiar a preto de 1.000 empresas.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, acompañará a vindeira semana a unha delegación galega nunha misión comercial a Noruega na procura de posibles oportunidades de negocio e alianzas estratéxicas para as empresas galegas dos sectores naval e metal.

Na viaxe ao país nórdico, a delegación formada por 43 empresas, o Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga), a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, participarán na Feira Nor-Shipping, un dos eventos internacionais máis importantes para a industria marítima que se celebra desde o 4 ao 7 de xuño en Oslo.

No encontro, referente a nivel mundial do sector naval e que se celebra cada dous anos, danse cita 900 expositores de preto de 50 países, apostando pola economía azul e a innovación cunha sala dedicada ás novas solucións baseadas na sustentabilidade.

A misión comercial a Noruega e a participación neste evento, apoiados polos programas Foexga e Galicia Exporta, teñen como obxectivo buscar novas vías de investimento e colaboración para as empresas dos sectores naval e metal. Así, as vendas ao exterior galegas a Noruega acadaron en 2018 os 111 millóns de euros e exportaron durante o pasado ano ao país nórdico 274 empresas.

Por sectores, destaca o incremento do naval no primeiro trimestre de 2019, cun volume de vendas de 700.000 euros ao país nórdico, cando en todo o 2018 sumaron 800.000 euros; pola súa banda as exportacións a Noruega do sector do metal durante o pasado ano foron de 8,7 millóns de euros, e no primeiro trimestre deste ano acadan xa os 3,2 millóns de euros.

A través dos programas Foexga e Galicia Exporta, en 2019 e 2020 a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 11,6 millóns de euros, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións, para apoiar a preto de 1.000 empresas, as cales se poden acoller a diversas accións de internacionalización como misións comerciais directas así como participación en feiras internacionais e en eventos promocionais.

Estas dúas iniciativas forman parte dos programas que desenvolve o Igape para avanzar na proxección exterior do tecido empresarial galego mediante o desenvolvemento da Estratexia de internacionalización da empresa galega, que ten como obxectivo manter o bo ritmo exportador da Comunidade.

 

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios