Martes, 28 Mai 2019 11:24

A Xunta aposta pola aplicación das solucións da Industria 4.0 para impulsar a mellora competitiva das pemes

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das accións do programa ReAcciona vinculadas ao sector TIC, apoia a transformación dixital de 40 pemes coa implantación de 42 servizos 4.0 a través das dúas primeiras convocatorias deste ano. As catro edicións previstas para 2019 achegarán axudas por valor de 725.000 euros para optimizar a modernización e innovación tecnolóxica das pequenas e medianas empresas. As empresas interesadas nesta liña de apoios do Igape poden solicitar ata o próximo 20 de xuño as axudas da cuarta e última edición.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou, a través das dúas primeiras convocatorias de 2019 das accións do programa ReAcciona vinculadas ao sector TIC, a mellora competitiva de 40 compañías coa implantación de 42 servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións da Industria 4.0. En total, concedéronse axudas por 193.260 euros.

Cofinanciado ao 80% con fondos Feder, o ReAcciona está deseñado para apoiar ás pequenas e medianas compañías que buscan mellorar a súa competitividade e, neste caso en concreto, mediante as solucións que aportan as TIC e a Industria 4.0. Contribúe así a reforzar os obxectivos do programa ReAcciona para impulsar o crecemento e internacionalización do tecido produtivo galego.

En concreto, o ReAcciona apoia a profesionalización das diferentes áreas estratéxicas e operativas das empresas mediante servizos de formación aos equipos técnicos, proporcionándolles capacidades para desenvolver proxectos de mellora na xestión financeira, a produción, os plans comerciais ou o deseño estratéxico.

Ao longo deste ano activaranse en total catro convocatorias do ReAcciona vinculadas ao ámbito TIC, ás que se destinan ao redor de 725.000 euros en axudas, e que ofrecen servizos que inclúen a diagnose das necesidades de cada empresa para a implantación das tecnoloxías dixitais, o acompañamento e apoio na posta en marcha de proxectos Industria 4.0 e a exploración de novas oportunidades de negocio vinculadas, así como a xeración de modelos e simulacións industriais para optimizar os procesos de produción.

Das pemes beneficiarias nas dúas convocatorias aprobadas no que vai de ano, o 71% acollerase ao servizo de diagnóstico e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0; un 17% recibirá acompañamento para desenvolver esas solucións, e o 12% restante disporá de apoio para a xeración dun modelo industrial propio e a súa correspondente simulación.

Á falta de coñecer a resolución da terceira convocatoria desta liña de apoios, as empresas interesadas en participar na cuarta e última edición de 2019 do programa ReAcciona TIC poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 20 de xuño.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios