Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019.-O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na inauguración das xornadas técnicas promovidas polo clúster TIC que o potencial deste sector é fundamental para avanzar na internacionalización do tecido produtivo galego.
A misión comercial inversa desenvólvese na cidade compostelá desde hoxe ata o vindeiro venres 24 de maio e nela participan sete empresas tecnolóxicas de Eslovenia, México, Colombia, Chile, Honduras e Nicaragua.
Durante a súa intervención, Cividanes resaltou a boa evolución da presenza exterior das empresas galegas deste ámbito produtivo. O director do Igape quixo facer fincapé en que o impulso do sector TIC é clave para adaptar o resto dos ámbitos produtivos estratéxicos galegos á implantación da fábrica intelixente e ás tecnoloxías emerxentes, que a Xunta promove ao abeiro da Axenda Industria 4.0. O papel das empresas TIC é fundamental tamén no reforzo á proxección exterior das pemes galegas no seu conxunto, obxectivo que impulsa a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega posta en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Cividanes subliñou que no pasado ano 2018 exportaron aos seis países participantes na misión comercial 1679 empresas galegas por importe de 568,2 millóns de euros. Así, o incremento no primeiro trimestre do ano das vendas a América Latina das empresas galegas en xeral foi do 3% e do 5,6% a Eslovenia. Entre as empresas que forman parte do Clúster TIC galego que exportan aos países participantes na misión figuran Redegal, Egatel, Cinfo e Tesla.
Durante a xornada de hoxe as empresas participantes que integran a delegación comercial realizaron exposicións técnicas, ás que seguiron as presentacións das pemes que integran o clúster e dos centros tecnolóxicos galegos que traballan no eido da I+D+i. Finalmente, todas as compañías tiveron oportunidade de establecer encontros bilaterais para propiciar a cooperación e posibles acordos tecnolóxicos e comerciais.