Martes, 21 Mai 2019 09:48

A Xunta reforza o seu programa de avais para que máis de 200 pemes e autónomos poidan mobilizar 40M€ en Galicia

Cun orzamento de 1.125.000 euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a concesión de préstamos ás pequenas e medianas empresas. A nova liña de axudas duplica o límite das operacións financeiras, pasando de 0,5 a 1M, e amplía as finalidades ás que se pode destinar o apoio achegado, que cobre circulante, investimentos e avais técnicos. Enmárcase no Plan de financiamento que o Goberno galego vén de aprobar para apoiar este ano 800 proxectos de emprendedores e compañías en Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019.-A Xunta ten previsto mobilizar 40 millóns de euros a través do programa de avais do Igape, unha liña de apoios coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende facilitar o acceso ao financiamento ás pemes e os autónomos galegos.

O acordo aprobado o pasado xoves no Consello da Xunta destinará este ano 1.125.000 euros a este apoio financeiro. Entre as principais novidades está que se duplica o límite das operacións realizadas, pasando dos 0,5 ao 1M€; e que se amplían as finalidades ás que se pode destinar o apoio achegado, que cobre circulante, investimentos e avais técnicos. A través da nova liña, a Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a concesión de préstamos comprendidos entre 3.000 euros e un millón para mellorar a situación financeira de máis de 200 pemes e emprendedores, incrementando tamén os créditos mobilizados.

As operacións financeiras apoiadas terán un prazo máximo de 10 anos, incluídos ata 2 anos de carencia. Tras a publicación no DOG das bases que regulan este programa, abrirase o prazo para presentar solicitudes, que permanecerá aberto ata o próximo 30 de setembro.

Deste xeito, favorécese o acceso ao financiamento de pemes e autónomos, mediante préstamos avalados ata nun 100% polas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) que, a súa vez, contan cun reaval da Consellería de Economía, Emprego e Industria polo 25% do risco asumido. A activación do programa articularase proximamente a través dun convenio entre o Igape, as Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) e as entidades financeiras. A través deste programa, a Xunta aprobou desde 2009 un total de 3288 operacións para mobilizar préstamos para circulante por importe de máis de 116,2 millóns de euros.

Plan de financiamento empresarial

Esta liña de avais do Igape para favorecer o acceso ao crédito das pemes e dos autónomos enmárcase no Plan de financiamento empresarial de Galicia para 2019, aprobado pola Xunta recentemente co obxectivo de que ningún proxecto viable se quede sen desenvolver por falta de financiamento.

A través deste plan, que conta cun orzamento de 100 millóns de euros, facilitarase financiamento para 800 proxectos de emprendedores, microempresas e pemes, coa previsión de mobilizar 290 millóns de euros a través de instrumentos financeiros que contribúen á creación de empresas, ao crecemento das pemes da industria e tamén ao apoio ás actividades de innovación.

Este paquete integral de apoios, que se puxo en marcha por primeira vez no ano 2014, facilitou o acceso ao financiamento a 10.876 empresas e autónomos, o que supón unha media diaria de 6,6, impulsando así a mobilización de 1180 millóns de euros en catro anos e medio. Do total do financiamento achegado neste período, nove de cada dez euros de apoio permitiron o desenvolvemento de proxectos de autónomos e pemes.

Entre as novidades da actual convocatoria do Plan de financiamento empresarial, destacan o novo programa de préstamos para o financiamento de proxectos estratéxicos dirixido a iniciativas de entre 1,5 e 10M, e a incorporación dunha liña de préstamos –dentro dos instrumentos financieros innovadores (IFIs)– destinada ao sector turístico.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios