Luns, 04 Marzo 2019 10:52

A Xunta reforza a imaxe da marca Galicia e o seu apoio ás empresas alimentarias galegas no mercado mexicano

A Administración autonómica participa con once compañías do sector na Feira Expo Antad & Alimentaria que se celebra a vindeira semana en Guadalaxara, na que Galicia contará cun pavillón. O obxectivo é dar continuidade ao esforzo realizado polo Goberno galego na misión comercial que levou a cabo a México o ano pasado para consolidar o posicionamento do tecido empresarial galego neste destino. A misión conxunta está financiada ao 90% polo Plan de fomento das exportacións galegas (Foexga) que desenvolve o Igape. As vendas ao exterior galegas sumaron o ano pasado 22.857 millóns de euros, cunha suba do 5,4% con respecto ao ano anterior, batendo un novo récord de exportacións.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2019.- As consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Cultura e Turismo participan, xunto coa Cámara de Comercio da Coruña, once empresas alimentarias galegas, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado e Marisco (Anfaco) e o Consello Regulador da D.O Rías Baixas, na Feira Expo Antad & Alimentaria, que se celebra do 5 ao 7 de marzo na cidade mexicana de Guadalaxara.

No evento, referente principal para a industria da alimentación iberoamericana e, no que participarán un total de 47 compañías españolas, Galicia contará cun pavillón propio dentro da área dedicada a España. A esta feira, na que se darán cita 1.900 expositores de máis de 30 países, prevese a visita de preto de 50.000 persoas vinculadas ao sector alimentario.

A participación na Feira Expo Antad & Alimentaria pretende abrir oportunidades de negocio e alianzas para o tecido empresarial galego, así como dar continuidade ao esforzo realizado por parte do Goberno galego na misión que o presidente da Xunta realizou a este país o pasado mes de maio, na que se pechou a asistencia de Galicia ao encontro.

Durante a feira, reforzarase a imaxe da marca Galicia e os produtos galegos con actividades e eventos como obradoiros de cociña ou catas de viños. Ademais, realizaranse axendas individuais de negocio para todos os participantes galegos que permitan intensificar a posición dos seus produtos no mercado mexicano e a maior presenza das súas empresas no país centroamericano.

Paralelamente a este evento, está prevista unha misión comercial multisectorial no mesmo país do 3 ao 9 de marzo a través do plan Foexga, coa colaboración da Cámara de Comercio da Coruña, e na que participarán once empresas dos ámbitos da alimentación, madeira, metalmecánico, tecnoloxía e servizos.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o Plan Foexga, impulsa en 2019 e 2020 as exportacións de 600 pemes e autónomos cun investimento de 3,6 millóns de euros. Esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración coas cámaras de comercio galegas, busca reforzar a internacionalización das compañías beneficiarias que se poden acoller a unhas 160 accións en máis de 50 países.

Galicia vén de lograr un novo récord de vendas dos produtos galegos ao exterior. No 2018 as exportacións sumaron 22.587 millóns de euros, cunha suba do 5,4% con respecto ao ano anterior e acadouse tamén o maior número de empresas exportadoras e empresas exportadoras regulares da historia. Ademais, Galicia pechou o ano coa terceira mellor balanza comercial en termos absolutos, cun saldo positivo de 3.835,5 millóns de euros.

Un total de 89 empresas galegas do sector da alimentación e as bebidas venderon o ano pasado produtos por un valor de 7,89 millóns de euros a México, un mercado de interese estratéxico para Galicia que dispón dunha importante industria en sectores como a automoción, o aeroespacial, o turismo, o téxtil ou o agroalimentario. Este último é o terceiro ámbito produtivo galego por volume de vendas ao exterior, cun valor de 3.065,6 millóns de euros, o que representa o 13,4% do total das exportacións da nosa comunidade no pasado ano 2018.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios