Venres, 25 Xaneiro 2019 13:25

A Xunta mantén aberta a convocatoria para os emprendedores que queiran participar no coworking do Salnés

A aceleradora con sede en Vilanova de Arousa aposta pola promoción de iniciativas innovadoras no ámbito do turismo e a agroalimentación. Poden participar novos empresarios que impulsen ata 22 proxectos, preferentemente nestes sectores pero sen excluír outras actividades empresariais. Durante as últimas dúas edicións realizadas foron apoiadas máis de 40 novas empresas.

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 25 de xaneiro de 2019.- O espazo coworking do Salnés, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), mantén aberta a convocatoria da terceira edición para os emprendedores que queiran desenvolver unha iniciativa empresarial, especialmente no sector turístico e agroalimentario, pero sen excluír outras actividades empresariais.

Esta iniciativa leva apoiado nesta comarca durante as súas últimas dúas edicións máis de 40 novos proxectos innovadores nestes sectores estratéxicos da economía da zona, facilitando asesoramento e formación aos emprendedores para madurar as súas ideas de negocio. Xunto co de Ourense, especializado en madeira e forestal, e o de Santiago de Compostela, centrado nas industrias culturais e tecnolóxicas, este coworking situado en Vilanova de Arousa é un dos espazos especializados nun ámbito sectorial.

Cofinanciada polo Fondo Social Europeo, esta acción ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego, contribuíndo á posta en marcha e consolidación de novas compañías no territorio. Poden participar persoas con ideas empresariais sen desenvolver, emprendedores con proxectos empresariais en fase temperá de desenvolvemento e emprendedores que crearan a súa empresa en datas recentes e precisen asesoramento para a fase inicial de consolidación e crecemento.

Os espazos coworking xeran o clima de confianza preciso para poñer en marcha un negocio, á vez que se fomenta o traballo colaborativo, superando a eiva de emprender en solitario. Poderán participar nesta edición en Vilanova de Arousa os promotores de ata 22 proxectos.

Agora mesmo tamén están abertas as convocatorias para os de Ferrolterra, Costa da Morte, Ribeira Sacra, Mariña lucense, Celanova e Terras da Limia e Santiago de Compostela. Dar maior dinamismo á economía e ao emprego dos concellos máis pequenos, así como aproveitar os recursos de cada zona para crear novas oportunidades e fixar poboación, son algunhas das finalidades destas iniciativas que levan apoiado a máis de 500 novos empresarios a promover un total de 458 proxectos en toda Galicia.

Os programas de apoio ao emprendemento postos en marcha pola Xunta, a través do Igape, facilitan formación e asesoramento especializado aos emprendedores, como o Galicia Emprende e o Galicia Rural Emprende, así como a Plataforma StartIn, a rede de aceleradoras na que se inclúen os espazos coworking, e que leva impulsado nos últimos cinco anos 900 proxectos innovadores. Ademais as iniciativas empresariais de nova creación teñen á súa disposición instrumentos de financiamento habilitados por Xesgalicia e o Igape.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios