Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2019.- Representantes do Igape salientaron a importancia dos investimentos industriais no ámbito 4.0 como unha da claves para impulsar a competitividade e a modernización do tecido empresarial galego durante a súa participación na xornada Financia Industria, organizada en Santiago de Compostela pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (Mincotur).
A Cidade da Cultura acolleu o acto no que os representantes do Igape destacaron a cooperación entre Administracións como peza clave para reforzar o labor de promoción empresarial e para procurar que todos os proxectos de investimento viables das pemes galegas acaden o asesoramento e o financiamento que precisen para poñerse en marcha ou ampliar a súa capacidade competitiva.
Lembraron que a Xunta mantén abertas ata o vindeiro 15 de marzo as dúas primeiras convocatorias de 2019 dos programas de obradoiros e axudas á dixitalización que este ano contan cun orzamento de 5 millóns de euros e que prevén mobilizar 13,28 millóns e beneficiar a 200 empresas.
Pola súa banda, o Goberno central presentou os retos da política industrial e de apoio as pemes e os programas de impulso, facendo especial fincapé nas novas convocatorias de préstamos de reindustrialización e competitividade do Mincotur para investimentos en industrialización en xeral e, en concreto, para actuacións na incorporación de tecnoloxías 4.0, que estarán abertas ata o 31 de xaneiro de 2019.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, Xesgalicia e Gain mantén un completo abano de instrumentos complementarios para facilitar a actividade empresarial, especialmente das pemes, e abre vías de colaboración co Goberno central, a través de diversos ministerios, para avanzar nos retos da Axenda Industria 4.0.
Así, a liña de axudas a proxectos Industria 4.0 na súa última edición contou cunha dotación de máis de 4 millóns de euros para apoiar seis iniciativas colectivas, coordinadas por organismos intermedios de carácter sectorial, que avanzan na implantación da industria intelixente e conectada. As relacionadas coa automatización e a intercomunicación entre máquinas foron ás tecnoloxías máis empregadas nos proxectos desenvolvidos, seguidas das vinculadas á sensórica ou a dixitalización de procesos.
Ademais, as empresas que buscan mellorar a súa competitividade mediante as solucións que aportan as TIC e a Industria 4.0, poden solicitar ata o 14 de febreiro as axudas do programa ReAcciona TIC que, xunto co ReAccciona, concedeu durante o ano 2018 axudas por 1,9 millóns de euros para impulsar máis de 500 plans de mellora en pemes galegas.
Todos estas actuacións están enmarcadas na Estratexia de especialización intelixente de Galicia e na Axenda Industria 4.0, as follas de ruta que executa o Goberno galego para acadar un novo modelo industrial vinculado á innovación e o emprego de tecnoloxías de última xeración.