Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018.- O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe no encontro Galicia Global que as empresas galegas deben afrontar o proteccionismo económico en países como os Estados Unidos e o brexit como unha oportunidade, amosando a súa confianza en que a alta calidade dos servizos e produtos galegos manteñan o bo ritmo exportador con Reino Unido.
Lembrou tamén que as vendas a este país aumentaron nun 17% durante os nove primeiros meses do 2018 e acadaron os 1.225 millóns de euros, situando a este destino, ao que fan chegar os seus produtos 471 empresas galegas, como o cuarto a nivel mundial. Neste contexto, a Xunta segue a traballar para avaliar os posibles efectos que poida ter a saída do Reino Unido da Unión Europea a través da realización de estudos e actuacións concretas en distintos foros europeos.
A xornada celebrada esta mañá, que está organizada pola Asociación Española de Directivos (AED) coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape, ten como obxectivo fortalecer a promoción exterior da economía galega e favorecer as relacións e o intercambio de experiencias entre o colectivo de directivos galegos no estranxeiro e dos que traballan en Galicia. Nesta segunda edición debateuse sobre implicacións das políticas proteccionistas na internacionalización das empresas en xeral e das galegas en particular.
O director do Igape puxo de manifesto o compromiso da Xunta no apoio á presencia no estranxeiro das compañías galegas mediante programas como o Galicia Exporta Empresas, o Galicia Exporta Organismos Intermedios e o Foexga, que buscan facer das exportacións un motor de emprego e crecemento económico e cos que se pretende contribuír a consolidar a evolución positiva das vendas ao exterior galegas, que nos nove primeiros meses do ano, medraron un 7,65% con respecto ao mesmo período do ano anterior, e superaron os 17.100 millóns de euros.
Mediante a última convocatoria do Foexga, que se vén de publicar, e das do Galicia Exporta, que se abrirán proximamente, a Xunta vai investir 11,6 millóns de euros, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións. Estas tres iniciativas forman parte das accións que se desenvolven a través do Igape para avanzar na proxección exterior do tecido empresarial galego mediante o desenvolvemento da Estratexia de internacionalización da empresa galega, que ten como obxectivo impulsar o ritmo exportador da Comunidade.