Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar, a través do Igape, unha consulta entre o tecido produtivo galego para coñecer a demanda que teñen os espazos industriais compartidos. A finalidade é desenvolver unha liña de axudas que permita impulsar este tipo de centros e instalacións.
Como indica a resolución que vén de publicar o Diario Oficial de Galicia (DOG), a invitación está aberta ás empresas e demais operadores económicos galegos interesados en acceder a unha liña de axudas que apoie a posta en marcha de fábricas compartidas, centros loxísticos e de fabricación avanzada e espazos industriais especializados, entre outras infraestruturas, que contribúan a modernizar e desenvolver a base industrial da zona onde se creen.
Mediante esta iniciativa, a Xunta pretende facilitar as condicións para que as empresas e demais entidades interesadas poidan realizar proxectos concertados, ao tempo que optimiza o deseño da nova liña de axuda que forma parte do desenvolvemento da Axenda Industria 4.0, que promove a presenza de infraestruturas axeitadas como un dos factores determinantes da mellora da competitividade das pemes galegas.
A presentación de propostas de proxectos para desenvolver e de suxestións sobre o futuro marco de apoios a este tipo de infraestruturas industriais estará aberta ata o 19 de novembro. Con posterioridade, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, analizará as propostas presentadas e deseñará as bases reguladoras do programa.
Para ofrecer información detallada desta iniciativa, o próximo luns 5 de novembro terá lugar un taller de presentación en Santiago de Compostela, no que, ademais de coñecer polo miúdo a quen vai dirixida a convocatoria e as infraestruturas que se poden propor, os participantes na xornada disporán de información sobre o programa de actuacións previsto pola Xunta de Galicia para desenvolver este proxecto de apoio industrial.