Venres, 19 Outubro 2018 14:28

Máis de 70 empresas reforzan a súa proxección internacional na Semana Contract de Galicia

A Consellería, Emprego e Industria impulsa esta iniciativa co obxectivo de fomentar alianzas estratéxicas con outros líderes a nivel mundial deste sector centrado no equipamento de edificios colectivos. A oitava edición das xornadas consolida o evento como punto de encontro entre pemes e prescritores internacionais para incrementar as oportunidades de negocio.

 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2018.- Un total de 73 empresas participaron esta semana en Santiago de Compostela na Semana Internacional Contract de Galicia, un encontro que tivo por obxectivo dar resposta ás novas tendencias e á diversificación internacional no ámbito do equipamento de edificios colectivos.

A iniciativa, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon en marcha por oitavo ano consecutivo, posibilitou a colaboración entre as pemes galegas e prescritores, ademais da cooperación intelixente entre compañías, para mellorar a presenza exterior e a competitividade. A cita permitiu afondar nas oportunidades de negocio que ofrecen os mercados internacionais á industria, ao tempo que dá a coñecer os proxectos que desenvolven as compañías galegas nese ámbito.

A Semana Contract incluíu encontros bilaterais e visitas a empresas do sector, nos que profesionais da industria galega se puxeron en contacto con prescritores internacionais co obxectivo de aproveitar as oportunidades de traballo con multinacionais de diferentes campos, como o hoteleiro, o téxtil ou o da automoción, favorecendo as relacións comerciais e a xeración de negocio internacional.

As xornadas incluíron tamén mesas de debate e relatorios sobre experiencias en internacionalización, nas que expertos e directivos de empresas ofreceron unha análise da proxección exterior dun sector que ten un peso destacado na economía galega, e nas que se afondou nas tendencias e necesidades das compañías a nivel mundial, con especial interese nos mercados latino e norteamericano.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios