Santiago, 2 de marzo de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe na presentación do libro La internacionalización de la economía gallega 2011 que a apertura a novos mercados é, xunto coa innovación, unha das principais estratexias da Xunta para fortalecer o tecido empresarial galego. Salientou o conselleiro que no camiño do crecemento "a Xunta de Galicia quere ser socia das pequenas e medianas empresas que queren saír ao exterior". Tal e como recordou o conselleiro e perseguindo este fin, o Goberno galego multiplicou por catro no que vai de lexislatura os recursos para impulsar as exportacións das empresas galegas, que aumentaron nun 17,5% en 2011.
O conselleiro destacou que o feito de que "o 72% das empresas galegas prevexa aumentar as súas vendas no exterior", como recolle o informe promovido pola Fundación Claudio San Martín, "reafirma a aposta da Xunta por axudar ás compañías a iniciar ou consolidar a súa traxectoria no exterior" e lembrou o papel crucial do empresario á hora de tomar a decisión de internacionalizar a súa empresa, para o que conta con distintos programas de apoio da Consellería de Economía e Industria. Deste xeito, indicou Guerra, "o Goberno galego leva destinados, nesta lexislatura, 26 millóns de euros ás liñas de axudas á internacionalización do Igape, mediante as cales xa se levan apoiado máis de 2.500 proxectos nesta lexislatura e mobilizado 52 millóns".
Tamén salientou o titular de Economía, que "abrir a economía non é solo exportar, senón atraer inversións que xeren riqueza", resaltando que a atracción de inversións estranxeiras medrou nos tres primeiros trimestres de 2011 ata 197 millóns, un 316%.
Para respaldar ás compañías que inician ou queren consolidar a súa traxectoria no exterior, Economía e Industria "ten posto en marcha un programa integral, que supón case 76 millóns de euros postos a disposición das empresas nesta lexislatura". Dentro deste programa inclúense, ademais do apoio económico, distintas ferramentas para axudar ás compañías segundo as súas necesidades, desde asesoramento, análise e formación ata os servizos en destino, por medio da Rede Pexga, que inclúe 14 plataformas empresariais no exterior en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia.
Neste sentido, o estudo presentado hoxe é, segundo o conselleiro, "unha guía útil para coñecer a radiografía da economía galega desde o punto de vista das empresas que queren saír a mercados exteriores". Guerra apuntou que "o esforzo conxunto de todos está facendo que a cultura empresarial galega dea un xiro e contemple a internacionalización non só como unha opción, senón como unha auténtica necesidade".
"Queda moito traballo por diante, pero os resultados indícannos que imos polo bo camiño", asegurou o responsable de Economía e Industria, quen recordou que "a innovación xunto coa internacionalización son as estratexias que seguirá a impulsar a Xunta de Galicia para potenciar o crecemento da economía galega".