Santiago, 6 de marzo de 2012.- Economía e Industria destinará ao financiamento das diferentes necesidades das empresas no desenvolvemento das súas estratexias de internacionalización, a través do Igape, partidas orzamentarias que suman 12,5 millóns de euros, segundo as convocatorias xa publicadas no DOG.
O obxectivo das bases para 2012 é facilitar a internacionalización das empresas galegas sen presenza no exterior e apoiar ás compañías internacionalizadas para que melloren a súa posición nos mercados exteriores, poñendo ao seu dispor as liñas de axudas financeiras que poidan reforzar as estratexias de apertura cara ao exterior, xa que actualmente o mercado internacional é a vía de crecemento empresarial máis eficaz.
Deste xeito, a Xunta continúa co desenvolvemento dun dos alicerces da Consellería de Economía e Industria que ten posto en marcha o primeiro eixo específico de apoio á internacionalización que existe na Administración galega. Así, ao peche do exercicio, a Consellería alcanzará os 76 millóns de euros postos ao dispor das empresas galegas neste eido, ao longo de toda a lexislatura.
Apoios á internacionalización e mellora dos servizos
Para continuar a apoiar ás distintas necesidades das empresas no eido da internacionalización, a Consellería destinará gran parte destes recursos (9,5 millóns) a promover a participación agrupada de empresas en eventos expositivos celebrados fóra de España; a súa implicación en misións internacionais inversas de especial interese para os sectores estratéxicos da economía galega; a posta en marcha de accións de comunicación e difusión de marca; así como as actuacións de prospección internacional, imprescindibles para a apertura a outros mercados de interese, e o apoio á primeira implantación promocional conxunta no exterior ( ao abeiro do Plan Primex).
Xestores de exportación nas empresas galegas
Ademais, a partida para facilitar a contratación de xestores de exportación ascenderá, en 2012, aos 3 millóns de euros, e case duplica a dotación destinada o pasado ano a este programa. Deste xeito, o obxectivo e duplicar tamén a contratación de xestores por parte de empresas ou de organismos intermedios, como clúster o asociacións, pasando dos 51 profesionais contratados na edición 2011 a mais dun cento no 2012.
Deste xeito, o apoio da Xunta á contratación de xestores poderá cubrir até o 75% do salario bruto anual, chegando a un límite máximo de 30.000 euros no caso de que os xestores desenvolvan a súa actividade no estranxeiro. No programa de contratación de xestores, a Consellería de Economía e Industria valorará especialmente as solicitudes que inclúan a contratación de xente nova, menor de 30 anos, en situación de desemprego
Tamén se priorizarán, en todas as liñas de apoio á internacionalización, os proxectos situados nas áreas de influencia dos plans Impulsa Lugo e Ourense, do Plan Ferrol, Eume e Ortegal e do Plan Revive Costa da Morte, de xeito que se valorarán especialmente as iniciativas situadas nestes territorios e a intensidade das axudas aos proxectos será maior nestas zonas, con apoios adicionais un 5% superiores.
Estas liñas de axuda do Igape están orientadas a mellora continuada dos servizos prestados ás empresas, especialmente ás pemes, e complétanse con outras iniciativas como a Rede Pexga, creada en colaboración coa CEG e que está a atender as necesidades das empresas galegas en destino, centrándose no asesoramento especializado e individualizado.