Santiago, 7 de maio de 2012.- Medio cento de empresas galegas participarán esta semana en Santiago no punto de encontro coa plataforma da rede Pexga no Reino Unido. A plataforma empresarial situada en Londres é unha das abertas recentemente, xunto coa que está a disposición dos empresarios galegos para o mercado de Estados Unidos, en Nova York.
A directora da plataforma Pexga en Londres manterá encontros e entrevistas individualizadas con representantes das empresas ou asociacións empresariais que o solicitaron, interesados en comezar ou consolidar as súas relacións comerciais con empresas deste país, de especial interese para Galicia pola seu importante potencial económico.
O obxectivo da apertura destas plataformas en Reino Unido e Estados Unidos está centrado en favorecer e apoiar ao tecido empresarial da comunidade nos seus esforzos por avanzar en dous mercados maduros e altamente competitivos, pero que brindan importantes oportunidades de negocio. A elección destes destinos responde precisamente ao alto interese que xeran entre o empresariado galego.
Reino Unido e EEUU son dous dos principais socios exteriores cos que conta Galicia. De feito, en 2011, atopáronse entre os dez primeiros países destino das exportacións galegas, cun saldo conxunto de 976 millóns de euros. En canto ás importacións, Galicia compra bens e servizos por un total de 1.040 millóns de euros, sendo Reino Unido o quinto provedor da comunidade e EEUU o noveno. A balanza comercial con ambos os territorios é, en consecuencia, deficitaria para Galicia, polo que cómpre dinamizar os intercambios comerciais e aumentar as exportacións.
Reino Unido supón un 3,46% das vendas exteriores de Galicia, que ascenderon en 2011 a 607,23 millóns de euros, o que supón un incremento do 23% con respecto ao exercicio anterior. Estados Unidos ocupa o décimo lugar na clasificación de destinos das exportacións galegas, cunha cota do 2,11%. Coas oficinas de Londres e Nova Iorque espérase dinamizar e incrementar o nivel de relacións comerciais entre Galicia e estes destinos, ademáis de avanzar na captación de novos investimentos cara a Galicia.
A Rede Pexga, que quedará completada en datas próximas, é un proxecto de representación empresarial ao servizo do tecido produtivo galego impulsado pola Xunta de Galicia, a través do Igape, e pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Cada unha das plataformas que o integran proporciona ás empresas información co obxectivo de achegar e pór no seu coñecemento as oportunidades que ofrece cada un dos mercados nos que se atopa presente. Tamén informa dos aspectos fiscais, xurídicos, laborais e financeiros a ter en conta á hora de implantarse no país.
Doutra banda, a Rede Pexga ofrece un gran número de servizos individualizados de asesoramento e apoio a todas aquelas empresas interesadas en reforzar a súa presenza internacional. Entre estes servizos destacan a elaboración de axendas, o apoio en accións puntuais de promoción e a dispoñibilidade das oficinas da Rede para as xestións no país. De feito, nestes momentos son varias as empresas galegas que se están valendo das oficinas da Rede Pexga como centro de operacións para traballar na súa implantación local.