Lalín, 15 de setembro de 2012.- O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, trasladou o recoñecemento da Consellería de Economía e Industria polo compromiso de Confecciones Guerral coa mellora continua da competitividade e a internacionalización, aspectos que conforman dous dos eixos estratéxicos de actuación do Goberno galego.
Na procura dos seus obxectivos estratéxicos, a firma participou na experiencia piloto do Plan ReAcciona e vén de aproveitar a primeira convocatoria realizada polo Igape para solicitar a implantación de servizos avanzados para a mellora da competitividade no marco desta iniciativa que está a impulsar a Consellería de Economía e Industria.
Javier Aguilera reuniuse con directivos de Confecciones Guerral e coñeceu as novas instalacións desta compañía no Polígono Lalín 2000, onde esta empresa familiar cun cadro de persoal de máis de 60 empregados deseña e produce para os mercados español, europeo e latinoamericano. Neste sentido, salientou tamén o esforzo da compañía pola mellora continua a través da formación e a incorporación da innovación aos seus procesos de fabricación para mellorar a súa competitividade e avanzar no seu proceso de internacionalización.
O Plan ReAcciona, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, conta cun orzamento total de 5 millóns para un período de 2 anos. Con este Programa, o Igape prevé impulsar a realización de máis de 2.200 diagnósticos gratuítos de internacionalización e competitividade, así como a implantación de servizos avanzados de mellora nas empresas que os soliciten, servizos de alto valor engadido que teñen entre os seus obxectivos os de facilitar a profesionalización e a mellora na xestión das empresas beneficiarias.
Confecciones Guerral tamén se ten apoiado nas liñas de axuda habilitadas polo Igape para facilitar a internacionalización das pemes. Ademais de vender no mercado nacional, a compañía lalinense exporta a mercados exteriores como Francia, Portugal, Reino Unido, México, Panamá ou Rusia, mediante unha estratexia que combina os distribuidores, as tendas propias e as franquías.