Santiago, 15 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, acaba de abrir unha nova oferta de máis de 300 diagnósticos integrais e servizos avanzados para a mellora da competitividade das pemes galegas ao amparo do plan Re-Acciona. O prazo de presentación de solicitudes, a través da web do Igape, está aberto até o próximo 26 de outubro.
Como resposta ás solicitudes presentadas ao amparo da primeira convocatoria do Re-Acciona, aberta no pasado verán, na actualidade o Igape está a coordinar a implantación de servizos avanzados de mellora da competitividade en preto dun centenar de empresas, e están realizados ou en fase de realización medio centenar de diagnósticos de competitividade gratuítos para as pemes que os solicitaron.
O plan Re-Acciona, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, está destinado principalmente a procurar aumentar e mellorar de maneira integral a competitividade das pequenas e medias empresas radicadas en Galicia. Entre os seus obxectivos está o de facilitar ao tecido empresarial galego o acceso a servizos de alto valor engadido orientados á adquisición de competencias por parte do capital humano da empresa.
Como primeira fase do programa Re-Acciona, o Igape ofrece ás pemes que o precisen a realización de diagnósticos de competitividade, de carácter gratuíto, co fin de detectar e localizar as súas necesidades reais de mellora e orientar logo ás empresas cara aos servizos que poidan resultarlles de maior utilidade. A implantación de servizos avanzados de competitividade nas empresas realízase mediante un proceso para o cal o Igape conta coa colaboración de empresas especializadas e coa participación de bolseiros que se especializan á vez que colaboran coas consultoras e nas empresas solicitantes dos servizos.
Entre os servizos avanzados no ámbito de actuación do Reacciona están os destinados a facilitar a redefinición de negocio, o desenvolvemento de plans de acción, o deseño dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial, a mellora da imaxe e comunicación empresarial, a mellora da xestión por procesos, a profesionalización dos procesos produtivos, o relanzamento comercial, a optimización financeira, ou a elaboración de plans e protocolos da empresa familiar. Para acceder a máis información ou formalizar a inscrición, as empresas interesadas poden visitar a páxina web: www.igape.es/reacciona, ou chamar ao teléfono 902 300 903.
No seu conxunto, o Plan Reacciona conta cun orzamento total de 5 millóns de euros e cunha duración de 2 anos. Con este programa, o Igape realizará máis de 2.200 diagnósticos gratuítos de internacionalización e competitividade; e tamén facilitará a implantación de servizos avanzados de mellora competitiva, co obxectivo de facilitar a profesionalización e a mellora na xestión das empresas beneficiarias.