Mércores, 13 Xullo 2016 11:06

A Xunta convoca o programa Reforma 16 co obxectivo de mellorar os baños e cociñas de 5.000 fogares galegos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova edición do plan autonómico, que conta cun orzamento de 2,8 millóns de euros e que apoiará ás familias no acondicionamento destes espazos, impulsando a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos do sector da construción. A iniciativa, programada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa colaboración de Asemaco, xerará investimentos de 30 millóns de euros con axudas que suporán rebaixas do 40%. O custo mínimo dos produtos adquiridos ao abeiro do Reforma 16 será de 1.000 euros, e as axudas públicas poderán oscilar entre un mínimo de 200 e un máximo de 1.000 euros. O Reforma 15 permitiu executar obras de modernización en 3.000 fogares galegos coa participación de 380 establecementos de materiais de construción e mobilizando máis de 20 millóns de euros.

Santiago, 13 de xullo de 2016.-A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar hoxe no (DOG) unha nova edición do programa Reforma para a renovación, por parte de particulares, de todo tipo de equipamentos de cociña e baño (excepto electrodomésticos). A Xunta activa esta acción, en colaboración coa Asociación sectorial que agrupa ás empresas de materias de construción (Asemaco), co obxectivo de chegar a máis de 5.000 fogares.

O Goberno galego, a través do Reforma 16, destina 2,8 millóns de euros en axudas coas que se prevé mobilizar antes de que remate este ano uns 30 millóns. O prazo de presentación de solicitudes para a adhesión das entidades colaboradoras será dun mes a partir de mañá, o día seguinte á publicación no DOG; mentres que o prazo de solicitudes de axuda finalizará o 15 de outubro.

O obxectivo do Reforma 16, ademais da colaboración coas familias, é impulsar a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos do sector da construción. Esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, xerará investimentos duns 30 millóns con axudas que suporán rebaixas do 40%. En concreto, apoiarase o 20% da base impoñible, co límite entre 200 e 1.000 euros por persoa e domicilio particular. A entidade colaboradora realizará un desconto equivalente ao da Administración autonómica, polo que a rebaixa global achégase ao 40%. O custe mínimo dos produtos adquiridos terá que ser de 1.000 euros.

O beneficiario desta iniciativa autonómica terá que solicitar a axuda no mesmo establecemento, o cal, como entidade colaboradora, se encargará de tramitala por vía telemática para que sexa máis áxil. O programa Reforma 16 permitirá incentivar a demanda nos sectores industriais e comerciais máis afectados polo descenso da actividade de construción. Así, as entidades colaboradoras incrementarán a súa facturación, o cal contribuirá ao mantemento e creación de emprego.

Este programa de axudas e incentivos reafirma o impulso positivo conseguido na edición anterior. O Reforma 15 permitiu realizar obras de modernización en 3.000 fogares galegos coa participación de 380 establecementos de materiais de construción e mobilizando máis de 20 millóns de euros. Deste xeito, estímase que, en só dúas edicións, o Goberno galego poderá axudar a 8.000 fogares galegos.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios