Ferrol, 12 de novembro de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou durante a súa participación no "Tour do Emprendemento industrial" que se desenvolveu esta mañá en Ferrol que o emprendemento no ámbito da industria está chamado a ter un papel especialmente relevante na reinvención da economía galega que se está a impulsar coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.
A xornada técnica organizada conxuntamente polo Ministerio de Industria, a través da Digipyme e a Escuela de Organización Industrial (EOI), e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, tivo como obxectivo achegar aos emprendedores información completa arredor dos servizos e dos recursos ao seu dispor para avaliar as ideas e iniciativas empresariais, promover a incorporación da innovación aos proxectos, ou orientar sobre os riscos a superar no proceso de consolidación de novas empresas.
No encontro os emprendedores que impulsaron Pólux Hispania, Conservas Mar de Ardora e Xaraleira compartiron as súas experiencias de emprendemento nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Tal e como se informou na xornada, os emprendedores galegos dispoñen de variados instrumentos de apoio para financiar proxectos emprendedores, especialmente os industriais de carácter innovador. Aguilera referiuse en concreto aos fondos de capital risco da Xunta -entre os que citou o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, XesInnova e i2C-, a Rede galega de investidores particulares, preparada para facilitar a confluencia de recursos públicos e privados, ou a liña de préstamos directos Igape-Jeremie, á que se están a acoller tanto proxectos industriais de calado como proxectos impulsados por novos emprendedores.
Durante o desenvolvemento deste encontro, o experto José Manuel Picó, impartiu un taller sobre o ciclo do emprendemento e como analizar ideas e iniciativas empresariais. Pola súa banda, o co-fundador de Moxbet e Movilisto pronunciou un relatorio arredor do que significa emprender.