Deadline for submitting applications will end on 10/02/2023

IG239 - OBRADOIROS MULTIDISCIPLINARES DE DIXITALIZACIÓN, SUSTENTABILIDADE E LOXÍSTICA AVANZADA (2023)

Purpose / Objective

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas (para definición de empresa atenderase ao establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas colaborativas sectoriais nos eidos da dixitalización, a sustentabilidade ou a loxística avanzada, susceptibles de optar ás axudas establecidas noutras convocatorias do Igape ou outras administracións galegas ou estatais, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

Types of support

Financiamento con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia e están suxeitos ao réxime de minimis,
Subvencións en réxime de concorrencia competitiva.

Potential beneficiaries

1. Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales, para efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Main project requirements

As temáticas propostas en cada obradoiro deberán responder a un ou varios destes eidos: dixitalización empresarial ou transformación dixital, sustentabilidade en calquera das súas vertentes, economía circular, redución de pegadas de carbono ou hidrícas, biodiversidade, etc. ou tamén dirixidos á mellora da función loxística nas empresas, co obxectivo de avanzar na loxística avanzada e sustentable.

Estes espazos de encontro (obradoiros) terán carácter eminentemente presencial, aínda que poderán complementarse con outras actividades non presenciais que contribúan ao mellor fin do obradoiro.

Tendo en conta as tendencias e a aprendizaxe provocadas pola pandemia, aclárase que se considerará que un encontro ten carácter presencial cando as persoas participantes se atopen simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.

Cada espazo de encontro poderá estar articulado a través dunha ou varias reunións, ademais doutras actuacións de contacto entre os membros do grupo que poidan ser necesarias. Estas reunións terán que documentarse en vídeo ou por escrito acompañadas de fotografías.

En cada espazo de encontro (obradoiro) deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas, considerando o total das sesións realizadas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de 2/3 das empresas participantes no correspondente espazo de encontro (obradoiro); para determinar ese número mínimo de asistentes á reunión, aplicarase a fracción de 2/3 ao número de empresas participantes tidas en conta para baremar o proxecto (un máximo de 10), redondeando ao número enteiro máis próximo. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.

Required qualifications do proxecto

Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

1º. Dimensión do proxecto. En función do número de empresas participantes (mínimo 6 empresas): 5 puntos por cada empresa por enriba do mínimo definido ata un máximo de 20 puntos. Para os efectos de baremación, obterase a máxima puntuación para 10 empresas participantes.

2º. Calidade técnica do proxecto: ata 30 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros:

i. Madurez da proposta en canto á definición da temática e obxectivos do espazo de encontro. Ata 20 puntos.

ii. Diversidade en canto á posición na cadea de valor sectorial das empresas participantes. Ata 5 puntos.

iii. Propostas concretas de colaboración co Igape na difusión dos resultados dos proxectos. Ata 5 puntos.

3º. Sector ou ámbito de actividade en que se desenvolva o proxecto: 20 puntos, que se outorgarán a proxectos sectoriais onde a maioría das empresas as que a dirixido o obradoiro pertenzan a un dos sectores prioritarios definidos na Axenda de competitividade:

i. Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

ii. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

4. Experiencia do organismo intermedio na xestión de proxectos colaborativos nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda: 3 puntos por cada proxecto de dinamización de grupos finalizado con resultados cuantificables e 1 punto por cada proxecto finalizado noutra temática ata un máximo de 30 puntos.

En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 2º. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación nos criterios 1º, 3º, 4º e 5º, por esa orde. En caso de persistir o empate, determinarase a precedencia polo número de expediente máis baixo.

Os proxectos deberán acadar 60 puntos na baremación para ser aprobados.

Investments or eligible costs

1. Poderanse subvencionar os seguintes gastos en que incorran os organismos intermedios para a organización dos obradoiros:

a) Colaboracións externas directamente relacionadas coa execución do proxecto, para a dirección e dinamización dos grupos de empresas. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas do organismo nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais, como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

b) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE ou, de ser o caso, unha declaración responsable da entidade en que xustifique que o IVE supón un gasto real e os artigos da lexislación aplicable que dan soporte a esa xustificación, de acordo co indicado no artigo 7.1.d) destas bases. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase con base na pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

c) Gastos de persoal do organismo intermedio:

1º. Ata un 10 % do orzamento total do proxecto en concepto de gastos de coordinación e selección de participantes se a dirección e dinamización do obradoiro contrata un colaborador externo.

2º. Ata o 100 % do orzamento total do proxecto se a dirección e dinamización dos grupos de empresas a realiza o organismo intermedio con persoal propio. Neste caso, terá que dispor dunha experiencia mínima de 3 proxectos de dirección e dinamización de grupos desenvolvidos con persoal propio nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda. Esta experiencia deberá declararse no formulario electrónico de solicitude de axuda e describirse en detalle na memoria requirida no artigo 7.1.a). Para os proxectos que acrediten a experiencia da entidade, indicarase cando menos, a súa temática, número de integrantes dos grupos, metodoloxía de dinamización utilizada, obxectivos e resultados acadados.

En calquera caso, na memoria deberá detallarse o método de determinación da imputación dos gastos de persoal ao proxecto.

2. O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

3. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. Cando o importe do concepto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, excepto que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren.
Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios adicionais ao prezo.

5. En ningún caso o custo de adquisición dos conceptos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Amount of aid

A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 € por proxecto e concédese ao abeiro do réxime de axudas de minimis .

Ademais do anterior, co obxectivo de fomentar a diversidade de obradoiros, unha mesma entidade poderá presentar varias solicitudes, pero establécese un límite máximo de subvención por entidade beneficiaria de 60.000 € para o total de solicitudes concedidas. No caso de que se supere ese importe, axustarase o importe de subvención no proxecto con menor precedencia.

Deadline for submitting applications

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.

Incompatibility

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Legislative Reference

Resolución do 19 de decembro de 2022 (DOG Nº6 do 10/01/2023) - Bases reguladoras e convocatoria 2023

Information and processing in

Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico a través da aplicación https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE), que identificará univocamente a solicitude de axuda.

Presentarase unha solicitude por cada obradoiro dirixida a algunha das temáticas definidas no artigo 1. No caso de que un obradoiro conteña unha mestura de temáticas, os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha delas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada organismo intermedio poderá presentar un máximo de tres proxectos na mesma convocatoria. No caso de que algún organismo intermedio presente máis de tres proxectos, serán unicamente considerados os tres primeiros, por estrita orde de entrada.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/pae/afirma-Anexo-PSC

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos criterios de selección aplicables.

b) As tres ofertas que, se é o caso, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 3.4 destas bases reguladoras.

c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes.

d) Acreditación da representación con que se actúa.

e) No caso de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE ou, de ser o caso, unha declaración responsable da entidade en que xustifique que o IVE supón un gasto real e os artigos da lexislación aplicable que dan soporte a esa xustificación. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, a declaración deberá indicar a pro rata definitiva do último exercicio pechado, e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

Observations

O prazo de execución non poderá superar o 30 de xuño de 2024.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de decembro de 2023 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de decembro de 2023 ou anterior, e como máis tarde o 30 de xuño de 2024 no resto dos proxectos. Os gastos realizados entre o 16 de decembro de 2023 e o 31 de decembro de 2023 poderán ser imputados ao 2024.