Vigo, 16 de xullo de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou esta mañá durante a apertura dun seminario do Programa Primeira Exportación, organizado en colaboración coa Fundación Gas Natural Fenosa, a importancia da especialización do capital humano para impulsar as exportacións das pemes, e adiantou a próxima convocatoria de programas de formación teórica e práctica para facilitar a internacionalización das empresas.
O director do Igape lembrou que a formación constitúe unha parte importante da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega que, segundo dixo, será fundamental para consolidar o crecemento das exportacións galegas, que medraron nun 4,2% nos cinco primeiros meses do ano con respecto ao 2014. Neste sentido, explicou que, a través desta Estratexia, a Xunta prevé incrementar a participación das exportacións no PIB ata o 40% en 2020, aumentar nun 25% o investimento estranxeiro en Galicia, e ampliar o número de empresas exportadoras ata as 8.000.
Que as empresas dispoñan de capital humano especializado será fundamental para acadar eses obxectivos, dixo Aguilera, e engadiu que por iso o Igape realizará este ano un novo esforzo formando xestores de exportación e convocando un programa de bolsas de promoción exterior para que novos titulados se formen, no estranxeiro ou en Galicia, colaborando en proxectos de internacionalización con empresas ou organismos intermedios.
Os seminarios do Programa Primeira Exportación teñen como obxectivo formar e asesorar de xeito gratuíto ás pemes galegas que desexen iniciarse no ámbito das exportacións. A xornada celebrada hoxe en Vigo centrouse en facilitar aos participantes as claves para localizar un aliado ou socio no mercado de destino escollido, e enmárcase no acordo de colaboración asinado entre o Igape e a Fundación Gas Natural Fenosa que ten como finalidade a organización de xornadas de formación e a promoción de servizos de promoción e asesoramento das exportacións das pemes galegas.