Sarria (Lugo), 9 de xullo de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe o compromiso de Fontecelta coa renovación tecnolóxica continuada das súas instalacións en Sarria como garantía para mellorar a súa competitividade. A compañía ten contado con apoios da Consellería de Economía e Industria para poñer en marcha unha nova liña na que investiu 500.000 euros e que lle permitiu diversificar a súa produción para acceder a novos mercados con bebidas refrescantes carbonatadas fabricadas, como elemento de valor engadido, a partir da auga mineral natural dos seus mananciais.
Fontecelta facturou máis de 15 millóns de euros o ano pasado, e está actualmente consolidada como unha das primeiras marcas nacionais de augas minerais grazas a súa continuada aposta por novos investimentos para ampliar a súa capacidade e mellorar os seus procesos de produción. Durante o seu percorrido polas instalacións, acompañado polo presidente do grupo, Horacio Gómez, o director do Igape salientou que a aposta pola constante renovación dos procesos produtivos é fundamental para que as empresas poidan mellorar de xeito continuo e conformar o tecido produtivo que promove a Xunta mediante o desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.
Segundo salientou Aguilera, para facilitar a modernización das empresas galegas, a Consellería de Economía e Industria vén de activar o programa “Galicia 1000”, con instrumentos como os préstamos directos Jeremie e os préstamos bonificados ou avalados para financiar, respectivamente, investimentos ou circulante. Os préstamos directos con fondos Jeremie poden ser de ata 1,8 millóns de euros, con prazos de amortización de ata 11 anos e con xuros fixos moi competitivos.
O programa “Galicia 1000” constitúe un paquete integral de financiamento que ten como obxectivo dar resposta ás distintas necesidades das pemes en función da súa situación. O programa, que inclúe préstamos bancarios bonificados ou avalados, préstamos directos, préstamos participativos e capital risco, está dotado con 70 millóns de euros e ten capacidade para mobilizar 300 millóns de euros en proxectos empresariais.