Vigo, 25 de xuño de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe na inauguración das VI xornadas sobre “O mar e as enerxías renovables” o papel preponderante que a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 concede ao sector estratéxico das enerxías renovables e salientou a necesidade de seguir avanzando na innovación e a incorporación de coñecemento neste ámbito.
No encontro, organizado polo Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de España a través do grupo de traballo Enerxías renovables de orixe mariña (ENERMAR), Aguilera destacou o papel que Galicia está chamada a ter no desenvolvemento de tecnoloxía na industria eólica offshore ou das enerxías do mar.
Aguilera salientou que o elevado potencial para o desenvolvemento de enerxías renovables é unha das oportunidades que pon de manifesto a Axenda da Competitividade Industrial Galicia-Industria 4.0, e engadiu que entre as medidas prioritarias que se están a poñer en marcha figura a promoción do aproveitamento destas oportunidades polas empresas galegas.
O director do Igape considerou necesaria unha industria que medre como froito da hibridación de empresas e sectores con coñecementos, procesos, mercados ou outros intereses en común, e que aproveite as vantaxes competitivas dos seus recursos endóxenos diferenciais, entre os que destacou o mar. Tamén estimou fundamental que se consolide a cultura da cooperación entre empresas, ao amparo dun clúster sectorial cada vez máis sólido, para conseguir novas oportunidades de negocio para as compañías galegas, tanto na comunidade autónoma como no ámbito global.
Precisamente, o pasado martes procedeuse ao balizamento da nova zona experimental de enerxía undimotriz en Punta Langosteira, que sitúa a Galicia á vangarda de Europa na investigación deste tipo de enerxía. A área enmárcase no contexto do proxecto europeo Energy Mare, que está a liderar a Xunta, a través do Inega, e que se centra na análise das posibilidades que ofrecen as enerxías renovables mariñas. A zona permitirá probar prototipos en condicións de funcionamento reais, facilitando validar deseños, compoñentes e materiais para avaliar a súa viabilidade.