Vigo, 23 de xuño de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a oportunidade que o polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados de Galicia abre para os centros de coñecemento e as pemes galegas, tanto do propio sector aeronáutico como doutros con capacidade de traballar nel, como o metalúrxico. Aguilera participou na inauguración do I Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial de Galicia, posto en marcha polo Consorcio Aeronáutico Galego, e invitou a todas as empresas e centros tecnolóxicos a participar no proceso para poñer a Galicia á vangarda deste sector emerxente, esforzo que arrancou coa creación dun centro mixto de investigación da Xunta e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) en Rozas.
Neste senso, destacou que o envío dunha sinxela mostra de interese por parte das entidades lles abre a oportunidade de participar no proceso. Despois de que a Axencia Galega de Innovación abrise a convocatoria para a presentación deste requisito, a ampla interese mostrada por empresas e centros de coñecemento motivou que o prazo de presentación do requisito fose ampliado ata o próximo 30 de xuño. As entidades que leven a cabo este trámite poderán tomar parte, como seguinte paso, no workshop que a Consellería de Economía e Industria organizará no mes de xullo, para poñer en contacto a grandes empresas internacionais coas empresas e entidades galegas, e facilitar así a formación de consorcios de traballo neste ámbito.
Aguilera destacou as oportunidades que a iniciativa, que suma un investimento total de 55 millóns de euros, supón para Galicia. Ademais dun investimento de 10 millóns de euros para a adaptación das instalacións existentes, o novo polo tecnolóxico e industrial arrancará con unha primeira aposta de 25 millóns de euros, cos que a Consellería de Economía e Industria contratará a unha ou varias empresas especializadas en avións non tripulados para que actúen como socios tecnolóxicos investigando solucións concretas destinadas a retos estratéxicos para Galicia. Paralelamente, este investimento completarase cunha compra pública innovadora de tecnoloxías novas pero xa desenvolvidas por valor de 20 millóns.
Aguilera valorou positivamente o compromiso de colaboración das 60 empresas, centros tecnolóxicos e universidades que conforman o Consorcio Aeronáutico Galego, procedentes de diferentes sectores, e recoñeceu que ese é o camiño axeitado para incrementar as oportunidades de todos para acceder a proxectos e mercados internacionais. O director do Igape resaltou que a alianza sectorial exemplifica o tipo de sinerxía que a Xunta está a impulsar no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), para favorecer a hibridación intersectorial e facilitar o desenvolvemento dun ecosistema onde a innovación aberta achegue novas vías para as empresas galegas sexan máis competitivas a nivel global.
O director do Igape puxo en valor o esforzo do Consorcio Aeronáutico Galego para organizar este primeiro congreso, como vía para abrir novas oportunidade para un sector que, lembrou, está chamado a crecer ao abeiro da Axenda da Competitividade Industrial Galicia Industria 4.0 e da RIS3, que recollen como prioridade, de cara a 2020, a diversificación de industrias estratéxicas como a automoción e o naval cara ao sector aeronáutico, co obxectivo de ampliar as súas capacidades competitivas en ámbitos de alto valor engadido. As empresas integradas no Consorcio dispoñen de 360.000 metros cadrados de superficie industrial.