Monday, 22 June 2015 13:46

Más de 120 empresas elaboran o seu plan de internacionalización no marco do programa Galicia Exporta impulsado polo Igape e a EOI

 A iniciativa clausurada hoxe facilitou tamén melloras nas webs e o posicionamento dixital internacional de 115 pemes, e outras 100 recibiron formación específica sobre licitacións internacionais ou programas internacionais de I+D+i. O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destaca o esforzo continuado da Xunta, ao abeiro da Estratexia de Internacionalización da empresa galega, e salienta o crecemento das exportacións galegas nun 20% en abril.

Santiago, 22 de xuño de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe que 124 das 400 empresas que participaron no programa de internacionalización Centro de Excelencia “Galicia Exporta”, que se clausurou esta mañá, puideron elaborar os seus plans de internacionalización á medida contando con asistencia técnica de expertos neste ámbito.

Ao amparo deste programa promovido pola Xunta e o Ministerio de Industria a través do Igape e da Escuela de Organización Industrial (EOI), 115 pemes recibiron asesoramento personalizado para mellorar as súas webs e o seu posicionamento dixital cara á internacionalización, mentres que outras 100 recibiron formación específica sobre licitacións internacionais ou programas internacionais de I+D+i, entre outras liñas de actuación.

Javier Aguilera destacou o esforzo continuado da Xunta para impulsar a internacionalización e lembrou que tanto ás exportacións como o número de empresas exportadoras galegas medraron arredor dun 30% desde 2009, e salientou o crecemento das exportacións en 2015, máis dun 20% no pasado mes de abril e un 5,6% no que vai de ano, segundo os últimos datos do ICEX.

O director xeral do Igape resaltou que a Consellería de Economía e Industria prevé intensificar, ao abeiro da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, os esforzos para procurar que máis empresas aborden os mercados internacionais e que as empresas xa exportadoras consoliden e amplíen a súa presenza e negocio no exterior.

Segundo os últimos datos coñecidos, a balanza comercial galega medrou preto dun 31% entre xaneiro e abril de 2015 con respecto ao mesmo período de 2014, ata acadar un saldo positivo de 932 millóns de euros. O crecemento exportador débese fundamentalmente ao bo comportamento en abril de sectores como a automoción, cunhas exportacións que creceron creceron ese mes por riba do 15%, os produtos enerxéticos –cun crecemento do 190%-, ou o téxtil, cun incremento das vendas ao exterior en abril superior ao 12%.

Para manter a evolución favorable do sector exterior, o Goberno galego puxo este ano en marcha a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, á que destinará 50 millóns de euros para os anos 2015 e 2016 e coa que se busca incrementar as exportacións en máis dun 25% ata 2020, e facer de Galicia un foco de atracción de investimentos especializado en sectores e países concretos.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments