Santiago, 19 de xuño de 2015.- Os emprendedores, as microempresas e as pemes galegas xa poden solicitar nas entidades financeiras os microcréditos e os préstamos bonificados ou avalados do programa “Galicia 1000” da Consellería de Economía e Industria para financiar os seus investimentos ou necesidades de circulante. Estes instrumentos financeiros, regulados segundo as bases que acaban de ser publicadas no DOG, veñen sumarse aos préstamos directos Jeremie tamén destinados a financiar investimentos empresariais.
A través do programa de microcréditos, os emprendedores, autónomos e microempresas poden acceder a préstamos de ata 25.000 euros con xuros bonificados para financiar os seus investimentos ou circulante para desenvolver a súa actividade. Os beneficiarios desta liña poderán contar cunha axuda financeira adicional do 15% sobre o tramo do microcrédito destinado a financiar activos fixos.
Así mesmo poderán acceder a préstamos bonificados superiores a 25.000 euros para financiar os seus investimentos ou circulante asociado. Ademais, e coa finalidade de continuar avanzando no reequilibrio territorial da Comunidade, estas dúas liñas financeiras do “Galicia 1000” seguirán a prestar unha especial atención ás zonas amparadas por plans Impulsa – as provincias de Lugo e Ourense, as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, así como a Costa da Morte-, achegando préstamos ou microcréditos con bonificacións especiais.
Por outra banda, e de acordo co previsto na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 que está a impulsar a Xunta de Galicia, este ano os proxectos do sector industrial –e os dos emprendedores– poderán acceder a unha bonificación adicional do 0,5%.
De xeito paralelo, e para cubrir as necesidades de circulante das pemes, a Consellería de Economía e Industria vén de activar, tamén a través do Igape, unha nova edición do programa Resolve, que facilitará a mobilización de préstamos bancarios comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, con prazos de amortización de ata 7 anos –fronte aos 5 da edición anterior–, avalados polas Sociedades de garantía recíproca (SGR) colaboradoras e reavalados polo Igape.
Ademais, e de cara a financiar as operacións dos emprendedores e das Pemes, o Igape mantén activa a liña de préstamos Jeremie, que suman 8 millóns e melloran as súas condicións, con xuros máximos que poderán quedar por baixo do euríbor máis 0,4%. Estes apoios poden chegar ata 1,8 millóns por proxecto, cubrindo ata o 70% do investimento, e con prazos de amortización de ata 11 anos. A está liña sumarase en datas próximas outra liña de préstamos con fondos BEI, para operacións de maior contía e especialmente do sector industrial, préstamos de ata 5 millóns de euros a un máximo de 12 anos.
Unha das prioridades da política económica da Xunta de Galicia é o fortalecemento e mellora da capacidade de financiamento do tecido empresarial galego. Neste contexto, impulsou a nova edición do programa “Galicia 1000”, un paquete integral de financiamento que ten como obxectivo de dar resposta ás distintas necesidades das pemes en función da súa situación. O programa, que inclúe préstamos directos, préstamos participativos e capital risco, está dotado con 70 millóns de euros para mobilizar 300 millóns de euros en iniciativas empresariais.
Co novo “Galicia 1000”, o Goberno galego quere dar continuidade aos bos resultados acadados pola primeira edición deste programa, que ten mobilizado xa máis de 100 millóns de euros en 946 proxectos promovidos por pemes galegas, contribuíndo á creación ou mantemento de 12.000 postos de traballo. Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria, a través de Igape e Xesgalicia, reforza o seu compromiso co impulso da rexeneración do tecido produtivo, a recapitalización das empresas e a execución de novos investimentos orientados á creación de riqueza e emprego.