Ortigueira (A Coruña), 20 de maio de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe en Ortigueira o exemplo de Mar de Ardora, empresa especializada en conservas artesanais de algas, como proxecto emprendedor con capacidade para abordar o sector industrial achegando valor aos recursos do mar e ofrecendo produtos de alta calidade.
Tal e como se sinalou na visita, Conservas Artesanais Mar de Ardora inclúe un proceso industrial completo, coa transformación da materia prima ecolóxica mediante distintos procesos e procedementos para obter, ao remate, unha ampla e variada gama de procesados alimentarios, certificados como ecolóxicos e ofertados en diferentes formatos.
Mar de Ardora presenta os seus produtos en diferentes envases e técnicas de conservación: en latas de aluminio ou frascos de vidro; con salgaduras ou salmoiras en bolsas plásticas alimentarias; deshidratadas ou en po; ou en fresco, con atmosfera protectora.
A diferente presentación ou conserva depende da diferente especie de alga a procesar pola empresa, que prevé diversificar a actividade a medio prazo para ofrecer tamén outros produtos naturais como os cogomelos e as plantas silvestres con usos tradicionais contrastados.
Mar de Ardora comercializa os seus produtos tanto de forma directa –participando en eventos especializados ou a través de internet– como a través de distribuidoras externas, sobre todo as especializadas en tendas gourmet. A empresa xa vende a mercados exteriores como Inglaterra ou Estonia.
Ao abeiro da Lei de Emprendemento e da Competitividade, a Xunta pon a disposición dos emprendedores un amplo abano de servizos e instrumentos para acompañalos desde a maduración das súas ideas ata facilitar a posta en marcha de novos negocios e a súa consolidación e internacionalización.