Santiago, 19 de maio de 2015.-O director do Igape, Javier Aguilera, participou hoxe na apertura do curso de formación teórica para os 100 bolseiros seleccionados para colaborar na realización de proxectos de mellora das pemes galegas, onde salientou a importancia que para estes novos titulados terá a formación teórico-práctica e o contacto co mundo empresarial que achega o programa.
Os bolseiros seleccionados terán a oportunidade de participar no deseño, avaliación e implantación de proxectos de mellora de pemes acollidas ao programa ReAcciona; impulsados por clústers ou en proxectos emprendedores.
O director do Igape destacou que o programa ReAcciona ten como obxectivo prioritario a mellora das competencias e habilidades dos xestores das empresas, para que os cambios introducidos na xestión poidan ter carácter permanente. A colaboración de novos titulados nos procesos de implantación dos proxectos de mellora achegará aos novos titulados formación práctica.
Neste mesmo sentido, Aguilera destacou que a profesionalización das pemes, e especialmente das de menor tamaño, é imprescindible para que poidan medrar e ser máis competitivas, contribuíndo aos obxectivos da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Os bolseiros que agora comezan a súa formación poderán participar nos proxectos de pemes galegas que se enfrontan a ese reto de mellora competitiva.
A Consellería de Economía e Industria facilita, a partir de agora e durante un ano, o primeiro contacto co mundo da empresa a 100 novos titulados que foron seleccionados en función do seu expediente académico, a formación específica no ámbito relacionado coa xestión empresarial ou o coñecemento de idiomas. Arredor da metade dos bolseiros que rematan o seu programa de formación práctica nas empresas ou entidades coas que colaboran atopan traballo cando conclúe a bolsa.