Monday, 04 May 2015 18:16

O Igape mellora as condicións dos préstamos Jeremie para impulsar os investimentos das Pemes

O DOG publica hoxe os novos prazos de amortización e rebaixas nos xuros deste instrumento financeiro, ademais de aumentar o importe máximo e diminuír o mínimo que se pode solicitar para chegar a un maior número de proxectos. Os préstamos, desde 49.000 euros ata 1,8 millóns, poden financiar ata o 70% dos proxectos de novo investimento, ampliación de instalacións existentes ou diversificación da produción para ofrecer produtos adicionais. Coas novas condicións, os xuros fixos dos préstamos Jeremie poderán estar por baixo do 0,3% e os prazos de amortización chegarán ata 11 anos, incluíndo un de carencia.

 

Santiago, 4 de maio de 2015.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as melloras das condicións dos préstamos Igape-Jeremie para impulsar os investimentos das pemes, nas que se inclúe a ampliación dos prazos de amortización e a rebaixa dos xuros deste instrumento financeiro, aumentando ademais o importe máximo da axuda e diminuír o mínimo que se pode solicitar para chegar a un maior número de proxectos.

Coas novas condicións, os xuros dos préstamos Jeremie, de tipo fixo, poderán estar por baixo do 0,3% e os prazos de amortización chegarán ata 11 anos, incluíndo un de carencia. De acordo cos cambios das bases reguladoras publicadas hoxe, o Igape flexibiliza ademais os requisitos para financiar proxectos impulsados tamén por autónomos, sociedades civís ou comunidades de bens.

Os préstamos concedidos ao abeiro das bases Jeremie-Igape, dotados con fondos euroepos, estarán comprendidos entre 49.000 e 1,8 millóns de euros (inicialmente o importe estaba entre 70.000 euros e un millón) e poden financiar ata o 70% dos proxectos de novo investimento, ampliación de instalacións existentes ou diversificación da produción para ofrecer produtos adicionais.

Os xuros dos préstamos, fixos, determinaranse no momento da concesión para toda a vida do préstamo, tomando como referencia o prezo do euríbor a un ano e sumando un xuro adicional que será só do 0,1% para os préstamos de ata 840.000 euros ou para os préstamos garantidos mediante aval bancario ou dunha sociedade de garantía recíproca. Para préstamos superiores, o xuro final efectivo establécese en dous tramos: euríbor máis 0,2% para as contías comprendidas entre os 840.000 e 1.400.000 euros, e un diferencial do 0,5% para os tramos do préstamo comprendido entre 1,4 e 1,8 millóns de euros. O xuro final resultante será a media ponderada en función do importe.

O prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta liña de préstamos directos rematará o próximo 30 de setembro. As empresas beneficiarias de préstamos Igape-Jeremie concedidos con anterioridade á modificación das bases publicada hoxe, poderán presentar unha solicitude de modificación das operacións para beneficiarse das novas condicións.

Mediante estes préstamos, cofinanciados con fondos Feder, poden financiarse tanto os activos fixos materiais asociados ao proxecto de investimento –terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento ou mobiliarios– como os activos intanxibles necesarios: aplicacións informáticas, propiedade intelectual e industrial, licencias de fabricación ou gastos en I+D ligados a proxectos de innovación tecnolóxica. De acordo coas bases modificadas, tamén pode financiarse o imposto sobre o valor engadido cando este non poida ser obxecto de recuperación ou compensación polo beneficiario.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments