Vigo, 23 de abril de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe a importancia de planificar a sucesión para asegurar o futuro das empresas, durante a súa intervención nun encontro de traballo destinado a achegar ás compañías familiares galegas os servizos especializados que facilita a Consellería de Economía e Industria, a través do programa ReAcciona, para facilitar os procesos de incorporación das novas xeracións á xestión.
Javier Aguilera salientou que o ReAcciona ten como obxectivo prioritario facilitar a mellora das competencias e habilidades dos xestores das empresas, para que, deste xeito, as melloras introducidas na xestión das compañías poidan ter carácter permanente, incidindo de xeito directo na mellora da competitividade.
As empresas asistentes ao encontro desenvolvido hoxe na sede do Circulo de Empresarios de Galicia-CFV tiveron oportunidade de coñecer casos de éxito de empresas familiares e as solucións aplicables, os protocolos de sucesión, para procurar que as compañías non fracasen no momento en que deben incorporarse á xestión as segundas ou terceiras xeracións.
O programa Reacciona pon a disposición das pemes un conxunto amplo de servizos para facilitar a implantación de proxectos de mellora en ámbitos como a optimización do financiamento, o relanzamento comercial, a estratexia, os procesos de produción ou a sucesión, sempre na busca dun impacto positivo global nas compañías.
Este programa especializado na prestación de servizos avanzados segue aberto para recibir, a través da web do Igape, novas solicitudes das empresas interesadas. O seu obxectivo é achegar diagnósticos gratuítos de competitividade e servizos de mellora para que as empresas localicen e superen as súas debilidades nos diferentes ámbitos de xestión. Para acceder a máis información ou formalizar a inscrición, as empresas interesadas poden consultar a páxina web: www.igape.es/reacciona.