Santiago, 20 de abril de 2015.- Procurar que as empresas galegas de enxeñaría e construción con importante potencial de internacionalización coñezan as oportunidades de negocio existentes en Paraguai, foi o obxectivo do encontro que hoxe mantivo o director xeral do Igape, Javier Aguilera, con representantes de máis dunha ducia de empresas e asociacións interesadas en explorar novas vías de negocio ou alianza nese mercado.
Tal e como se informou no encontro, o Goberno de Paraguai prevé impulsar nos próximos anos actuacións de obra pública civil que abren interesantes oportunidades de negocio para as empresas galegas, especialmente nos ámbitos da enxeñaría e da construción. Os empresarios participantes na reunión recibiron información detallada sobre as realizacións previstas polo Goberno de Paraguai e avaliarán agora a posibilidade de participar nunha misión en destino para coñecer os proxectos de infraestruturas en carteira ou para localizar a posibles aliados locais.
Ademais dos representantes dunha ducia de empresas de construción e enxeñaría, no encontro desenvolvido esta tarde no Igape participaron directivos da Asociación Galega de Empresas de Ingeniería, Consultoría y Servicios Técnicos (AGEINCO) e da Asociación de Ingenierías e Consultorías de Galicia (ACIGA).
Durante o ano pasado exportaron a Paraguai preto dun cento de empresas galegas, un 130% máis que en 2010. Ao mesmo tempo, o volume das exportacións a ese mercado multiplicouse por sete desde 2009, chegando a 5,3 millóns de euros durante o pasado ano. Na actualidade, 8 empresas de sectores como consultaría, loxística e equipamento industrial estanse a implantar en Paraguai ao abeiro de dous proxectos apoiados polo Igape no marco do programa Primex, que apoia primeiras implantacións no exterior.
Co obxectivo de seguir avanzando no eido da internacionalización, vénse de activar a Estratexia de Internacionalización, que ten entre os seus obxectivos incrementar as exportacións galegas e o número de empresas que exportan nun 25% ata 2020.